Mabel Lozano reflexionará sobre a trata e a explotación sexual no terceiro 'faladoiro feminista'

Pontevedra
15 de novembro 2025

O encontro, que se celebrará o luns 17 de novembro no Teatro Principal, incluirá a proxección da curta documental 'Ava' e un coloquio moderado pola xornalista Susana Pedreira

Mabel Lozano
Mabel Lozano / Concello de Pontevedra

A directora e activista Mabel Lozano será a protagonista do terceiro Faladoiro Feminista, organizado pola Concellaría de Igualdade con motivo do 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

A sesión celebrarase o luns 17 de novembro, ás 19.30 horas, no Teatro Principal, onde a fundadora da produtora Mafalda Entertainment abordará a realidade da trata e a explotación sexual de mulleres e nenas.

A cita incluirá un coloquio moderado pola xornalista Susana Pedreira e a proxección da curtametraxe 'Ava', dirixido por Lozano e recoñecido co Premio Goya 2024 á mellor curta documental.

A peza narra a historia dunha adolescente que, camiño do instituto, é captada por unha rede de explotación sexual. A historia, chea de dignidade e resistencia, denuncia un sistema que converte ás mulleres en mercadoría de usar e tirar.

Ademais do seu traballo audiovisual, a directora presentará a súa primeira novela, 'Ava', inspirada no curto e baseada na vida real dunha moza nada en Colombia e adoptada por unha profesora española.

A obra, galardoada co Premio Letras do Mediterráneo 2025 na categoría de novela negra, chegou ás librarías este mes de novembro.

Durante a charla, Lozano e Pedreira analizarán as novas formas de explotación sexual, o fenómeno de plataformas como OnlyFans, as redes de captación de menores e o papel da pornografía na construción dos vínculos afectivo-sexuais.

O ciclo pechará a súa programación o xoves 20 de novembro coa participación da xornalista Claudia Morán, que reflexionará sobre as violencias machistas nos medios de comunicación galegos.

O encontro terá lugar no vestíbulo da Casa da Luz, tamén ás 19.30 horas.