Un equipo internacional de científicos liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) rexistrou a presenza da macroalga vermella Asparagopsis taxiformis na costa de Galicia.
O achado, publicado na revista científica Bioinvasions Records, supón o rexistro máis setentrional desta especie no litoral europeo tras localizarse un exemplar nas Rías Baixas durante o ano 2025.
As análises moleculares realizados polos investigadores determinaron que a mostra pertence á liñaxe 2 da especie, unha variante que se caracteriza pola súa tolerancia a diferentes condicións ambientais e pola súa capacidade de propagación.
A primeira autora do artigo científico e investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, Eva Cacabelos, sinala que a poboación localizada é incipiente debido á falta de estruturas reprodutoras, e asocia a súa aparición ao incremento das temperaturas da auga mariña e ás actividades de orixe humana.
O estudo advirte sobre o risco de coinvasión desta alga tropical no ecosistema bentónico de Galicia.
A coexistencia desta nova especie con outras macroalgas exóticas detectadas previamente na zona, como a Rugulopteryx okamurae, posibilita que se incremente a ocupación do substrato mariño e desprazar as comunidades de organismos autóctonos.
Os autores do traballo inciden na necesidade de manter sistemas de vixilancia e seguimento continuado no litoral para avaliar os cambios ambientais.
ACTUACIÓNS DA CONSELLERÍA DO MAR
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, detallou este xoves na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia as actuacións da Consellería do Mar ante a presenza da alga asiática (Rugulopteryx okamurae).
Durante a sesión, especificouse a delimitación xurídica das competencias, asignando á Administración Xeral do Estado a declaración de especies exóticas e ás entidades locais as tarefas de limpeza de praias, mentres que a administración autonómica asume a protección dos espazos de produción marisqueira.
A estratexia do Executivo galego articúlase a través do Plan de Xestión da Biomasa de Galicia, aprobado en 2025, que regula o manexo do material extraído para evitar o seu retorno ao medio mariño.
A monitorización científica desenvólvese mediante o proxecto Algasdet, un convenio bienal coa Universidade de Santiago de Compostela dotado con máis de 203.000 euros procedentes do fondo europeo FEMPA. Esta iniciativa desenvolveu un método de análise de ADN ambiental baseado no marcador molecular rbcL para identificar a especie no sedimento e no intermareal.
O seguimento desta alga compleméntase coa plataforma de ciencia cidadá Redogal (Rede de Observadores do Medio Mariño de Galicia), que recolle as notificacións achegadas polo sector pesqueiro para actualizar unha base de datos pública vinculada á Lista de Especies Mariñas de Galicia.
En canto ao financiamento para facer fronte a estas especies exóticas, o departamento autonómico dispón de 1,2 millóns de euros incluídos no Plan Marlimpo e 1,9 millóns de euros orientados ao control de vexetais invasores en hábitats costeiros.
A maiores, o Plan de Recuperación do Marisqueo para o período 2026-2027 integra o control destas especies, segundo se indicou en sede parlamentaria.