Madeira, cereal, fariña e penso lideran o tráfico de mercadorías no Porto de Marín

Marín
22 de outubro 2024
Actualizado: 18:44

Segundo os datos ofrecidos pola Autoridade Porturia, rexístrase un crecemento acumulado do 15% ata setembro. Acadouse un movemento próximo xa aos dous millóns de toneladas

Operación de descarga no porto de Marín
Operación de descarga no porto de Marín / Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

O Porto de Marín segue rexistrando unha evolución moi positiva no tráfico mensual de mercadorías durante 2024.

Experimentou un crecemento do 15,47% entre os meses de xaneiro e setembro conrespecto ao mesmo período do ano anterior.

Segundo informa a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, acadouse un movemento próximo xa aos dous millóns de toneladas.

Estes datos, aínda provisionais, indican que por grupos de mercadoría, as descargas de graneis sólidos seguen sendo o principal motor de crecemento superando xa o millón de toneladas no primeiros nove meses do ano.

É unha subida acumulada do 22,31%, especialmente grazas ás descargas de grandes volumes de madeira, cereais, fariñas e pensos.

A mercadoría xeral convencional, que é aquela transportada en pezas separadas sen o uso dun colector, rexistra tamén unha subida significativa próxima ao 18%, acumulando xa preto de medio millón de toneladas, levantada principalmente por tráficos como a madeira ou a pasta de papel.

En canto á mercadoría en colector, acumulan importantes incrementos as conservas e outros produtos alimentarios, a pesca conxelada ou as madeiras e cortizas.

O número de buques que chegou a porto tamén se incrementou un 3,42%, do mesmo xeito que o seu GT que é unha medida de capacidade do barco que cuantifica o volume de todos os espazos interiores do buque, incluso camarotes ou aloxamentos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora