Magín Froiz terá unha rúa co seu nome en Pontevedra

Pontevedra
15 de marzo 2023

Desde hai anos, Pontevedra impulsa a feminización do seu rueiro para compensar a falta de mulleres homenaxeadas na cidade. Este criterio, que se compatibiliza coa recuperación da toponimia tradicional, saltarase como excepción para recoñecer a Magín Froiz

Magín Froiz
Magín Froiz / Mónica Patxot

Desde hai anos, Pontevedra impulsa a feminización do seu rueiro para compensar a falta de mulleres homenaxeadas na cidade. Este criterio, que se compatibiliza coa recuperación da toponimia tradicional, saltarase como excepción para recoñecer a Magín Froiz.

O empresario, fundador do Grupo Froiz, contará cunha rúa co seu nome na cidade. Así será a proposta do PP, que considera que a "transcendental" traxectoria de Froiz merece este recoñecemento, xusto cando se cumpre un ano do seu falecemento.

"Queremos que haxa un recoñecemento á figura dun dos máis recoñecidos empresarios que tivo esta cidade”, destacou Rafa Domínguez, que subliña que reúne todos os méritos necesarios para dar nome a unha rúa na cidade.

Magín Froiz, subliñou Domínguez, "destacou pola súa gran calidade humana, xenerosidade e sinxeleza", conxugando a súa faceta empresarial, "creando máis de 300 puntos de venda e empregando a máis de 6.000 persoas", e un labor social que desenvolveu "de maneira discreta".

A iso sumou o seu impulso ao deporte cun equipo de ciclismo "que é a envexa de toda España", segundo o líder do PP pontevedrés.

Desde o goberno municipal coinciden en que, a pesar do criterio existente, hai un "acordo unánime" entre a sociedade pontevedresa de que unha persoa da "entidade" de Magín Froiz poida ser honrado incluíndo o seu nome no rueiro da cidade.

A edil Carme da Silva lembrou que Grupo Froiz é unha empresa "pioneira" en Galicia e unha das máis importantes do sector da alimentación en todo o país, polo que considera que "non habería problema" para aprobar este nomeamento.

"Non hai dúbida de que é unha persoa que merece ese recoñecemento", sostivo Da Silva.

Desde o BNG, engadiu a concelleira, "cremos que debe ter unha rúa", polo que trasladarán esta cuestión á comisión municipal de Cultura "para que se fagan vos trámites necesarios para que se aprobe" canto antes.

A pesar diso, a edil nacionalista lamentou que a maneira na que o PP solicitou este recoñecemento "non lle fai xustiza á persoa que se quere homenaxear", xa que considera que debería propoñerse "doutra forma" e falalo coa familia.