Maio tivo case o dobre de ocupación que hai un ano, enchendo o 60% dos hoteis das Rías Baixas

Pontevedra
02 de xuño 2017

Carmela Silva destacou que o 67% dos turistas que viñeron en maio non coñecían o destino Rías Baixas, un dato que significa que "estamos sendo capaces de atraer a novos turistas á nosa provincia" e que refrenda a política de promoción que se realiza desde a Deputación

Visitantes ás portas dun hotel de Pontevedra
Visitantes ás portas dun hotel de Pontevedra / Mónica Patxot

O recentemente pechado mes de maio deixou uns "datos moi positivos" a nivel turístico na provincia de Pontevedra, cunha ocupación media do 60% en establecementos hoteleiros da provincia e do 35% en turismo rural.

Segundo as cifras facilitadas pola presidenta da Deputación Provincial, supoñen case o dobre e o triple dos datos do mesmo mes de 2016. No caso dos hoteis, tiveron unha ocupación 25 puntos superior ao maio anterior -tivera o 35% fronte aos 60 actuais.

Carmela Silva destacou que o 67% dos turistas que viñeron en maio non coñecían o destino Rías Baixas, un dato que significa que "estamos sendo capaces de atraer a novos turistas á nosa provincia" e que refrenda a política de promoción que se realiza desde a Deputación.

As cifras que manexa Turismo Rías Baixas falan dunha ocupación hoteleira media na cidade de Pontevedra do 75%, a segunda máis alta despois do 88% da comarca de Caldas. No Salnés a media foi en maio do 55% e no Morrazo superou o 36%. 

No caso do turismo rural, a presidenta provincial destaca que o resultado supón triplicar a porcentaxe da ocupación, que en maio do 2016 fora do 10%. A comarca de Caldas foi tamén a de maior ocupación, co 60%, seguida do 30% da capital. As casas de turismo rural da comarca do Salnés tiveron unha ocupación do 25% e as do Morrazo o 40%.

O 81% foron turistas nacionais, principalmente de Álava, Madrid e Barcelona, e unha idade de entre 35 e 60 anos de idade, que chegaban para aloxarse en hoteis (o 55%) e viñan por ocio ou por facer o Camiño de Santiago.