Dúas persoas maiores evacuadas ao hospital por unha intoxicación por fume en Cambados

O Salnés
15 de decembro 2025
Actualizado: 17:33

A orixe estaba nunha cheminea, que por un mal funcionamento, encheu de fume a casa e reduciu os niveis de osíxeno

Efectivos de Emerxencias atenderon as dúas persoas en Castrelo
Efectivos de Emerxencias atenderon as dúas persoas en Castrelo / Servizo de Emerxencias

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas este martes ao Hospital do Salnés tras sufrir unha intoxicación por monóxido de carbono na súa vivenda, situada no lugar de Couto de Arriba, na parroquia de Castrelo, no municipio de Cambados.

O suceso produciuse pasadas o sete da mañá, cando unha persoa alertou ao 112 Galicia ao atopar a dúas persoas maiores con malestar e dificultades respiratorias no interior do domicilio.

De inmediato, o centro de emerxencias mobilizou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao servizo local de emerxencias de Cambados e á Policía Local.

Segundo informaron os axentes desprazados ao lugar, a orixe da intoxicación estivo nunha cheminea que funcionaba de forma defectuosa, o que provocou a acumulación de fume na vivenda e unha diminución dos niveis de osíxeno.

Cando chegaron os efectivos de Emerxencias Cambados xa tiñan aberta unha ventá da vivenda coa evacuación de V.J.M.M., de 88 anos, mentres que a súa muller M.L.G.D., de 82 anos, permaneceu á espera dunha segunda ambulancia coa axuda dos médicos do Punto de Atención Continuada de Cambados.

As medicións realizadas polos equipos de emerxencia confirmaron a presenza de monóxido de carbono no interior do inmoble, polo que se procedeu a ventilar a casa.

Lugar onde se producía a intoxicación
Lugar onde se producía a intoxicaciónServizo de Emerxencias

O persoal sanitario atendeu aos dous afectados e organizou o seu traslado ao Hospital do Salnés para unha avaliación máis exhaustiva.