O Concello de Marín está a reforzar a rede de aparcadoiros disuasorios do municipio á vez que fai balance do informe de xestión de multas de tráfico correspondente ao ano 2025.
Os datos mostran que se tramitaron un total de 2.482 denuncias, das que cerca do 70% foron infraccións graves. A maioría, en todo caso, están directamente relacionadas con aparcadoiros inadecuados, especialmente no centro urbano.
En paralelo, o Concello está a realizar labores de mantemento e mellora das infraestruturas municipais máis afectadas polo inverno, centradas no bacheo de vías e na mellora dos aparcadoiros disuasorios.
O de Ponte Zapal "xa está listo" e prevén continuar co resto de bolsas de aparcadoiro en "a maior brevidade posible".
DATOS DE TRÁFICO
O informe de xestión de multas de 2025 revela que o 48% das denuncias corresponden a vehículos de Marín, un 35% a matrículas do resto da provincia e ao redor dun 16% a outras provincias.
Das 2.482 sancións, 123 levaron a perda de puntos do carné e cobráronse 1.810 multas, cunha recadación total de 188.336 euros, na súa maioría abonadas dentro do período voluntario de pago.
Os puntos con maior incidencia foron a Avenida de Ourense (339 denuncias), a rúa Jaime Janer (272), a Praza de España (323) e Concepción Areal (156), entre outras vías do centro urbano.
Por tipo de vehículo, o estacionamento indebido é a infracción maioritaria, aínda que tamén destacan denuncias por consumo de alcol e drogas ao volante e por non respectar a sinalización.
Do total, o 85% das sancións foron a turismos, seguidos de furgonetas, que representan cerca do 5%.
Para a alcaldesa de Marín, María Ramallo, "estes datos deben servirnos para reflexionar sobre a necesidade de mellorar o noso comportamento ao volante. Non se trata só de evitar sancións, senón de garantir a seguridade de todos os usuarios da vía pública".
Ramallo fixo tamén un chamamento á responsabilidade na condución e no estacionamento, xa que "un estacionamento incorrecto pode xerar problemas de mobilidade e mesmo situacións de risco. Respectar os usos de cada espazo é fundamental".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.