Máis de 1.700 consultas foron atendidas no punto covid de Pontevedra en apenas un mes

Pontevedra
27 de agosto 2021

Neste punto de xestión relacionada coa covid-19, situado no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, imprimíronse máis dun milleiro de certificados de vacinación, 553 de probas diagnósticas e 110 que acreditan ter pasado a enfermidade

O vicepresidente primeiro da Xunta e o xerente da área sanitaria de Pontevedra-Salnés no punto de xestión Covid de Pontevedra
O vicepresidente primeiro da Xunta e o xerente da área sanitaria de Pontevedra-Salnés no punto de xestión Covid de Pontevedra / Mónica Patxot

O punto de expedición de certificados covid e xestión da ‘Chave 365' en Pontevedra rexistrou dende a súa posta en marcha, o pasado 31 de xullo, unha actividade continuada, sumando máis de 1.700 consultas da cidadanía.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, achegábase este venres ata este punto de xestión relacionada coa Covid, situado no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Na visita estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez.

No lugar foi informado de que, desde estas dependencias, se imprimiron máis dun milleiro de certificados de vacinación, 553 de probas diagnósticas e 110 que acreditan ter pasado a enfermidade. Ademais, xestionáronse máis de 500 altas na aplicación E-Saúde.

Neste punto administrativo, ao que se accede pola lateral do edificio da Xunta, dous equipos dan servizo á poboación de luns a sábado en horario de mañá e tarde. Os cidadáns teñen aquí acceso inmediato á impresión dos certificados de probas diagnósticas, de vacinación e de enfermidade superada. Tamén contan coa posibilidade de activar o sistema ‘Chave 365' ou a tramitación dunha alta rápida no sistema galego no caso de tratarse de persoas con residencia fóra da comunidade.

A área sanitaria de Pontevedra-Salnés conta xunto con este punto na cidade de Pontevedra con outros nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Marín, Bueu e Caldas de Reis.

Alfonso Rueda destacou a boa acollida deste servizo que permite axilizar e facilitar aos cidadáns os seus trámites administrativos relacionados coa vacinación ou a realización de probas para a detección da infección.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén sinalou a aposta do goberno galego para adoptar as actuacións precisas co fin de detectar os casos e frear o avance do virus. Nesta liña, apelou ao mantemento das medidas de prevención e puxo como exemplo as levadas a cabo no sector turístico para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, o que permitiu que a comunidade se sitúe en xullo cun 80% máis de viaxeiros que en 2020 e 20 puntos por riba da media nacional en comparación cos viaxeiros recibidos en 2019.