Máis de 120 persoas de 50 entidades inscritas na xornada do programa Proponte o 'Traballo en Rede no Terceiro Sector'

Pontevedra
09 de marzo 2023

Esta actividade terá lugar o venres 17 de marzo no Salón de Actos da UNED e contará coa celebración de diversos grupos de traballo e dun faladoiro que tratarán sobre Xestión de Grupos, Financiamento e Márketing e Comunicación entre outros

Reunión entre Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social, e entidades que colaboran coa xornada 'Lab Social-Xuntanza'
Reunión entre Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social, e entidades que colaboran coa xornada 'Lab Social-Xuntanza' / Concello de Pontevedra

No marco do programa municipal Proponte, a Concellería de Benestar Social de Pontevedra, organiza o primeiro 'Lab Social-Xuntanza'. O encontro terá lugar o venres 17 de marzo no Salón de Actos da UNED en horario de 16:00 a 21:00 horas.

O eixo central desta actividade é o 'Traballo en Rede non Terceiro Sector' e ten a finalidade de potenciar o tecido social do Concello e as sinerxias entre as asociacións que o conforman.

O programa foi deseñado coa colaboración dun laboratorio de ideas composto por nove entidades que trasladaron a súa experiencia nos diversos campos que se abordarán. Segundo o Concello, xa hai máis de 120 persoas de 50 entidades inscritas.

O Lab Social contará cunha charla plenaria inicial ás 16:30 sobre o traballo en equipo no terceiro sector a cargo do educador social e xestor cultural Carlos Manuel Varela Ulla. Ademais, organizaranse unha serie de grupos de traballo e un faladoiro, moderados por persoas que forman parte do laboratorio de ideas e por Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria da UNED de Pontevedra.

Entre as 18:15 e as 20:00 horas están previstos un Lab de Xestión de Grupos, moderado por Antón Mouriz (Asociación Galega de Adopción e Acollemento 'Manaia'); un Lab de Financiamiento, moderado por Santiago Boullosa (Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural); un Lab de Márketing e Comunicación, coordinado por Berta Romero (A Vila Láctea); un Lab de Estrés Asociativo, moderado por Maite Bustamante; un Lab de Voluntariado de Profesionalización, con Víctor Regueira (Boa Vida) como moderador; e un faladoiro de 'Análise da necesidade de contar con formación (interna ou externa)'.

Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social, asegurou que "todas aquelas persoas interesadas en participar neste primeiro Lab Social ou en coñecer o programa Proponte máis en profundidade non teñen máis que remitir unha mensaxe ao email [email protected]. Aínda seguimos a recibir novas inscricións, polo que calquera entidade asociativa interesada pode acudir e achegar a súa experiencia formando parte do programa".

Ademais explicou que a actividade contará cun servizo de interpretación en Lingua de Signos.