Máis de 150 efectivos garantirán a seguridade no medio maratón Entre Rías

O Salnés
25 de abril 2024

Telmo Martín e José Cacabelos, alcaldes de Sanxenxo e O Grove, presidiron este mércores a xuntanza na que se trataron aspectos organizativos e de seguridade do evento deportivo que se vai desenvolver entre ámbalas vilas o domingo 19 de maio

Reunión para analizar a seguirdade do medio maratón Entre Rías 2024
Reunión para analizar a seguirdade do medio maratón Entre Rías 2024

O domingo 19 de maio celebrarase a proba da primeira edición do medio maratón Entre Rías. 

Este mércores, Telmo Martín e José Cacabelos, alcaldes de Sanxenxo e O Grove, presidían a reunión na que se analizaba o dispositivo de seguridade que se poñerá en marcha con motivo deste evento deportivo.

Más de 150 efectivos encargaranse da seguridade durante a proba. Axentes da Policía Local e integrantes de Emerxencias de Sanxenxo, Protección Civil do Grove, Garda Civil, Moto Enlace, Ambulancias e voluntariado estarán operativos durante o medio maratón para atender calquera situación de urxencia que se rexistre.

500 persoas procedentes de España e norte de Portugal xa se apuntaron á proba que se desenvolve ao longo de 21 quilómetros.

Estableceranse tres puntos de aprovisionamento e tamén un servizo de duchas ao final da carreira, que estarán situadas no porto deportivo de Sanxenxo. Dispoñerase tamén dun servizo de autobús en ámbalas direccións e gardarroupa.

Será necesario realizar cortes de tráfico en distintos puntos dos dous municipios como é o caso da ponte da Toxa.

A proba iniciarase no porto do Grove ás 10.30 horas. Percorrerá a Illa da Toxa, a praia da Lanzada para terminar no porto deportivo de Sanxenxo.

O 15 de maio pecharase o prazo de inscrición. Poderase realizar a carreira de forma individual ou por substitucións en parella. 

Repartiranse 3.000 euros en premios entre atletas de distintas categorías. 

Tamén nesa xornada establécese unha proba alternativa de 10 quilómetros con saída desde a Ermida da Lanzada, ás 11.30 horas, e chegada tamén ao porto deportivo de Sanxenxo.

O sábado 18 de maio celebrarase un Entre Rías especial con probas infantís para escolares de ata 13 anos. Será no paseo marítimo do Grove con participación gratuíta.

As inscricións atópanse abertas na web oficial de Entre Rías.