Máis de 2.200 axentes garantirán a seguridade na xornada electoral

Pontevedra
13 de febreiro 2024

O operativo das Forzas e Corpos de Seguridade permitirá garantir a seguridade nos colexios electorais dende primeira hora da mañá e ata que se faga público o reconto dos votos nos 61 municipios da provincia, que suman un total de 1.343 mesas electorais

Xente votando nas eleccións galegas do 12X
Xente votando nas eleccións galegas do 12X / Cristina Saiz

Este luns dábase a coñecer o operativo de seguridade que se despregará na xornada electoral deste domingo 18 de febreiro na provincia de Pontevedra.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informaba do dispositivo a cargo das Forzas e Corpos de Seguridade estatais, autonómicos e locais para garantir a seguridade nos vindeiros comicios autonómicos do 18F. 

Un total de 2.277 efectivos traballarán para garantir a normalidade no exercicio do dereito ao voto o día das eleccións ao Parlamento de Galicia na provincia. 

A Garda Civil despregará 1.180 axentes; a Policía Nacional, outros 819; a Unidade de Policía Adscrita da Policía Nacional sumará 38 efectivos; e, finalmente, os distintos corpos de policía local, 240 axentes. 

O subdelegado resaltou que con este amplo despregamento "búscase garantir o exercicio dun dereito fundamental, como é o dereito ao voto, así como o bo desenvolvemento da xornada electoral". 

O operativo das Forzas e Corpos de Seguridade permitirá garantir a seguridade nos colexios electorais dende primeira hora da mañá e ata que se faga público o reconto dos votos.

Para facer posible esta cita coas urnas nos 61 municipios da provincia, constituiranse 1.343 mesas distribuídas en 661 locais electorais. Nelas, poderán votar os 773.522 electores e electoras residentes na provincia, segundo o CER (censo electoral de españois residentes en España), do total das 911.704 persoas que compoñen o censo electoral en Pontevedra. As 138.182 persoas restantes son residentes no estranxeiro, segundo o CERA (censo electoral de españois residentes-ausentes que viven no estranxeiro).