Máis de 2.300 axentes velarán pola seguridade das 1.344 mesas electorais do 23X en Pontevedra

Pontevedra
18 de xullo 2023

Maica Larriba presidiu unha nova reunión de planificación loxística e confirmou que 43.900 persoas solicitaron o voto por correo na provincia. A Subdelegación coordinou a distribución de 35 kits de accesibilidade para voto en braille destinados a persoas invidentes ou con discapacidade visual

Reunión de planificación loxística para as eleccións do 23 de xullo
Reunión de planificación loxística para as eleccións do 23 de xullo / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Máis de 2.300 axentes traballarán para garantir a seguridade cidadá e o exercicio dos dereitos e liberdades de todas as persoas electoras durante a xornada electoral do 23 de xullo en Pontevedra.

Así o deu a coñecer este martes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, despois de presidir unha nova reunión de planificación loxística para o domingo. 

Dese total de 2.300 axentes, a Policía Nacional despregará un total de 870 efectivos; a Garda Civil, 973; a Unidade de Policía Adscrita, 29; e as distintas policías locais, 455. 

Maica Larriba tamén confirmou que 43.900 persoas solicitaron o voto por correo na provincia e puxo en valor o intenso traballo desenvolvido polo persoal de Correos,  que durante estas semanas fixo posible a posta a disposición dos electores de toda a documentación necesaria para exercer o dereito ao voto sen acudir presencialmente ás urnas. 

A Subdelegación coordinou a distribución de 35 kits de accesibilidade para voto en braille destinados a persoas invidentes ou con discapacidade visual. Foron solicitados desde os concellos de Arbo, Mos, Moaña, Ponteareas, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra.

Na provincia haberá 1.344 mesas repartidas en 662 colexios electorais. 

A subdelegada resaltou que con este amplo despregamento búscase garantir a normalidade e bo desenvolvemento da xornada electoral e trasladou o seu agradecemento á todas as persoas que garanten que as eleccións discorran con normalidade e vixían e protexen o proceso electoral.