Máis de 250 escolares gozan do idioma cos Xogos da Lingua

Soutomaior
22 de maio 2024

Trátase da primeira edición dun evento que se desenvolve entre centros educativos de Soutomaior empregando xogos, bailes e cánticos para promover o uso da lingua galega. A cita finalizaba no Pavillón Municipal Alfonso Pazos cunha actuación do Mago Noel

Xogos da Lingua en Soutomaior
Xogos da Lingua en Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior quere seguir promovendo a lingua dentro da programación das Letras Galegas e este martes 21 desenvolvía a primeira edición dos Xogos da Lingua.

Durante a xornada houbo oportunidade para realizar diferentes actividades iniciadas cunha "quedada" en Salgueirón dos estudantes dos centros que participaron: EEI de Romariz, o Colexio Santiago Apóstol e o IES Soutomaior.

O alumnado realizou xogos, cánticos e bailes polas rúas ata chegar ao Pavillón Municipal Alfonso Pazos.

Entre todos os participantes deron forma a unha imaxe da autora Luisa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas.

O alcade Manu Lourenzo entregou unha chapa aos asistentes co lema 'Soutomaior acende a lingua', ademais dunha placa conmemorativa desta primeira edición. O acto finalizaba co espectáculo do Mago Noel.

A programación cultural continuará o sábado 25 de maio coa montaxe teatral 'Made in Galicia', da compañía Sarabela Teatro.

O mércores 29 de maio será a quenda da escritora Yolanda Castaño, quen realizará ás 18.00 horas na Biblioteca Luís Seoane unha sesión de contacontos en verso.

Todas as actividades son gratuítas.