Máis de 30.000 persoas participaron na Festa do Lacón con grelos de Cuntis

Umia
12 de marzo 2019

O goberno local avalía moi positivamente o desenvolvemento da vixésimo segunda edición deste evento gastronómico. A presenza do cómico Xosé Antonio Touriñán como pregoeiro converteuse nun dos principais focos de atracción desta cita 

Festa do Lacón con grelos 2019, en Cuntis
Festa do Lacón con grelos 2019, en Cuntis / PontevedraViva

Cuntis acollía esta fin de semana a XXII edición da  Festa gastronómica do Lacón con grelos, unha cita que contaba cunha ampla programación de actividades e a posibilidade de degustar un dos pratos con máis tradición en Galicia por estas datas.

O goberno local avalía moi positivamente o desenvolvemento desta edición que se iniciaba coa XI edición da  Vespalacón, un encontro con Vespas e Labrettas que, entre outras actividades, acollía a Vespaguateque. 

Unha vez máis, os visitantes puideron observar a exposición de camelia que suma xa trece anos ou a mostra de encaixe, ademais da gran novidade da presentación da mostra sobre "tellas decorativas" na Casa da Cultura, unha proposta de Manuel Viéitez en colaboración co  Concello. Unha vez máis a cerámica castrexa de  Castrolandín foi un dos principais reclamos desta cita.

Ademais de música e diferentes actividades para todos os públicos, numerosos visitantes querían achegarse á edición deste ano para gozar do humor do cómico Xosé Antonio Touriñán, que accedeu a realizar selfies cun gran número de asistentes ao seu pregón. O actor tamén exerceu como man inocente no sorteo do  TapaLacón e no de Cucova, que se premiaban cunha viaxe a Canarias.

A comida converteuse en todo un acontecemento nesta Festa de Interese Turístico en Galicia. Máis de 3.500 comensais participaron do  lacón con  grelos. 

Desde o goberno local calculan que ao redor de 30.000 persoas visitaron a vila termal para participar desta cita festiva, que finalizaba co  velorio e o enterro do Chapante.