Unha nova axuda do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra por un importe de 33.620,71 euros permitirá instalar no Concello de Sanxenxo un colector de saneamento para augas residuais.
A instalación realizarase, concretamente, no lugar de Mourelos, parroquia de Noalla, con cargo á liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2017, segundo se aprobou a través dunha resolución presidencial.
Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Sanxenxo sitúase neste momento no 57,8%. Isto supón que o concello xa dispón de 647.506,04 euros dun total de máis de 1,1 millóns.
A Deputación indicou este sábado que anteriormente xa destinara a Sanxenxo 277.020,36 euros na liña 1 para o subministro dun tractor con desbrozadora, de material de accesibilidade para as praias, dunha maquinaria para o mantemento dos parques e xardíns, para a pavimentación do núcleo de Bordóns, o acondicionamento do local para o comedor do CEIP Magaláns, o subministro de flexipasarelas para mellorar a accesibilidade das praias de Baltar e Silgar, o subministro e a instalación dun módulo de aseos na praia da Panadeira e para instalar tres lavapés en tres praias do municipio.
Ademais, recibiu 68.491,95 euros da liña 2 para diversas actividades como as festas patronais, o Entroido ou o Verán en Sanxenxo e outros 250.751,28 euros para a contratación de 43 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego.