Máis de 4.000 vivendas, un 70% do rural pontevedrés, teñen composteiro individual

Pontevedra
28 de novembro 2022

Tras esta repartición inicial, o goberno municipal optou por rescindir o contrato coa empresa seleccionada para a subministración destes módulos de compostaxe que, inicialmente tiña previsto entregar ata 8.000 unidades

Entrega do primeiro composteiro individual en Tomeza
Entrega do primeiro composteiro individual en Tomeza / Concello de Pontevedra

O Concello dá por finalizada a primeira fase de implantación do sistema de compostaxe no rural pontevedrés. Faino tras repartir máis de 4.000 composteiros individuais, o que supón que o 70% destas vivendas contan xa cun destes recipientes.

Tras esta repartición inicial, o goberno municipal optou por rescindir o contrato coa empresa seleccionada para a subministración destes módulos de compostaxe que, inicialmente tiña previsto entregar ata 8.000 unidades.

Iso si, o Concello reservará outros 1.500 composteiros para poder ofrecelos ás novas vivendas que se constrúan no rural ou a aquelas que se rehabiliten. Tamén estarán ao dispor dos que decidan sumarse a este sistema de reciclaxe de residuos orgánicos.

Todo o stock restante será devolto á empresa subministradora.

A compostaxe individual, segundo lembrou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, é unha das "tres patas" do sistema de compostaxe polo que aposta Pontevedra e que supón, defendeu, un enfoque "pioneiro en Galicia".

RECURSO AO NOVO CONTRATO DE XARDÍNS

O goberno pontevedrés, pola súa banda, viuse obrigado a prorrogar tres meses máis o actual contrato de xardíns, despois de que unha das licitadoras, PreZero, presentase un recurso ao concurso que gañou a empresa Elsamex.

Esta prórroga, efectiva desde o pasado 1 de novembro, poderase interromper antes deses tres meses, sempre que se resolva administrativamente devandito recurso.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora