Con moita expectación, a Praza Massó de Bueu acolle o vindeiro domingo 12 de xuño a sétima edición do Mercado Ecolóxico e Artesán "Ecobueu" que contará coa participación de arredor de 50 expositores de hortalizas, sementes, fungos, conservas, panadería e restauración, queixos, viños, marmeladas, mel, artesanía, cosmética, pesca sostible, carne ecolóxica... As novidades deste ano son os expositores de tenreira ecolóxica, porco celta, poldro e queixos de cabra.
O obxectivo deste mercado é promover os produtos locais, ecolóxicos e o consumo responsable, ademais de recuperar a praza do pobo como lugar emblemático para as relacións sociais, as transaccións económicas e os intercambios culturais e artísticos.
"O afán de darlle unha oportunidade aos pequenos produtores", destacou Luz Gómez, de Horta Agrelo, idea que tamén apuntou o alcalde de Bueu, Félix Juncal, quen augurou que o "futuro da nosa economía está nas microeconomías e nos produtos do local".
O mercado abrirá o domingo ás 11 horas, e ao longo de toda a mañá haberá varias actividades complementarias, que estarán centradas nas abellas e outros polinizadores.
Así, en torno ás 12 horas, terá lugar o Obradoiro de Candeas de Cera, a cargo do apicultor Salvador Pardo, dando paso ás 13 horas ao concerto de música tradicional a cargo de Os Chavellos de Pereiras, grupo formado por quince persoas que tocan zanfona, acordeóns, gaitas e percusión.
Ás 13.30 horas celebrarase a Feira Gastronómica, ás 17.30 h, o Obradoiro de Mel Colmealoe, e ás 18 h., obradoiro de Ecopercusión con Didier Martínez no que os rapaces terán a oportunidade de confeccionar instrumentos con materiais reciclados, ademais de participar nunha Ecobatukada.
E xa para rematar a xornadas, ás 19.30, a compañía Pinga Teatro presentará o espectáculo de teatro de papel O Kamishibai de Juste; seguido dun concerto ás 20 horas a cargo do grupo Weli King, que versionan cancións populares galegas con ritmos de jazz.