Máis de 600 persoas asistirán á comida prehistórica de Campo Lameiro

Umia
18 de agosto 2023

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, valorou moi positivamente a resposta do público "que fai prever á organización que superará todas as espectativas". De feito, segundo indicou o rexedor, "hai casi unha semana que tivemos que pechar a venda de lotes para asistir porque xa non había máis sitio habilitado para albergar a máis xente"

Primeira edición de 'Laeros', a festa prehistórica de Campo Lameiro
Primeira edición de 'Laeros', a festa prehistórica de Campo Lameiro

Máis de 600 persoas asistirán este domingo 20 de agosto ao Xantar Prehistórico no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro. A actividade está enmarcada dentro da segunda edición de 'Laeros', unha iniciativa divulgadora do municipio como Capital Galega da Arte Rupestre e Capital do Turismo Rural de España 2023 na que se aunará un evento gastronómico, actividades de todo tipo, música, obradoiros e artesanía.

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, valorou moi positivamente a resposta do público "que fai prever á organización que superará todas as espectativas". De feito, segundo indicou o rexedor, "hai casi unha semana que tivemos que pechar a venda de lotes para asistir porque xa non había máis sitio habilitado para albergar a máis xente. Esperamos recibir este domingo unha gran afluencia de visitantes que contribúan a dinamizar turística e económicamente o noso concello".

Será a Asociación Costillar A Estaca de San Clemente a encargada de preparar este xantar que contará con máis de 30 costillares de vacún preparados ao espeto. Durante a celebración, a agrupación musical Cantos da Terra encargarase de amenizar tanto a comida como a sobremesa para que siga coa festa a Charanga Os Encerellados que prolongarán a música e o baile, en varios pases, ata as 21:00 horas.

O Concello organiza tamén diferentes actividades para vivir a época dos petróglifos, destacando en primeiro lugar un espazo adicado a obradoiros e exhibicións relacionadas coa cerámica prehistórica. Haberá diversos postos de exhibicións de caza e graffitis para os máis novos e, no poboado da Idade do Bronce, unha recreación da vida en esa época. O apartado musical farase a partir dunha visita guiada-musical a cargo da Asociación Cultural Musical Cantalúa.

Pola súa banda, para incentivar a participación ofrecerán un premio de 200 euros en vales de consumo en establecementos do comercio local de Campo Lameiro para premiar a mellor proposta de vestido de época.

Tamén celebrarán unha feira artesanal composta por unha vintena de postos de emprendedores que contribuirán a ambientar a xornada ao tempo que ofrecerán diversos artigos elaborados a man polos seus autores utilizando para elo todo tipo de técnicas artesanais.