Este xoves finalizaba a Festa da Troita polos Pobos no denominado Maio Troiteiro, que durante 26 noites, trasladou este evento por diferentes lugares do municipio de Ponte Caldelas. Na última xornada, a poboación de Regodobargo, a aldea máis pequena do Concello, demandou máis dun milleiro de racións de troita, pan e viño.
O público asistente encheu tanto o interior da Casa do Pobo Suso Vaamonde como as mesas establecidas no exterior. Ademais da troita tamén se degustaron sobremesas casores e unha ampla variedade de licores caseiros achegados pola veciñanza.
Andrés Díez, alcalde de Ponte Caldelas, felicitou a todo o equipo que puxo en marcha estas celebracións, comandado por Enrique Lafuente que recibiu unha réplica da escultura simbólica desta festa na praza de España.
A Festa da Troita ofrecerá as súas xornadas máis espectaculares durante esta fin de semana no centro urbano do municipio, na Alameda, con diferentes actividades dentro da programación que se desenvolverá ao longo da tarde noite do sábado e de toda a xornada do domingo.