Máis de noventa vehículos poderán usar o aparcamento da Rúa da Pedra

Bueu
03 de marzo 2020

A reforma integral da Rúa da Pedra supuxo recentemente a eliminación das prazas de aparcadoiro en liña, motivo polo cal o Concello decidiu adquirir esta parcela de 1.300 metros cadrados, situada fronte o Pavillón Municipal Pablo Herbello

Acondicionamento do aparcamento da Rúa da Pedra
Acondicionamento do aparcamento da Rúa da Pedra /

Cos traballos de movemento de terras comezou a actuación municipal que permitirá acondicionar unha nova área de aparcamento na Rúa da Pedra. O Concello de Bueu estima que poderán usar esta zona máis de noventa vehículos ao mesmo tempo.

A reforma integral da Rúa da Pedra supuxo recentemente a eliminación das prazas de aparcadoiro en liña, motivo polo cal o Concello decidiu adquirir esta parcela de 1.300 metros cadrados, situada fronte o Pavillón Municipal Pablo Herbello.

A finca mercouse por un custe de 31.132,53 euros, que se financiou na súa totalidade con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. 

O Concello está xestionando a compra doutra parcela que, aínda sendo máis pequena, suporá incrementar notablemente o aparcadoiro desta zona.

Este aparcamento dará servizo ás persoas da rúa e ás usuarias do pavillón, do CEIP A Pedra, do IES Johán Carballeira, do IES Illa de Ons e mesmo do centro de saúde.