Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira fase de Noites Abertas

Pontevedra
16 de abril 2022

Cada fin de semana, unha media de 266 persoas participou nas actividades programadas polo departamento municipal de Xuventude na procura de alternativas de ocio saudables

Actividade de Noites Abertas 2022
Actividade de Noites Abertas 2022 / Noites Abertas

O Concello de Pontevedra conclúe que o programa Noites Abertas "logrou acadar esa normalidade que tanto botaba de menos" ao rexistrar as 1.066 persoas participantes e 53 de público.

Este programa de procura de alternativas de ocio saudables atópase no ecuador do seu calendario, o que para a Concellaría de Xuventude "só pode ser un indicador da gana que a mocidade teña de recuperar esta vía de socialización, aprendizaxe e ocio".

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña sinala que no seu departamento "estamos moi contentos coa resposta da mocidade, ademais do funcionamento de todo o programa. É moi positivo ver como podemos recuperar este tipo de actividades e achar un interese tan masivo e con tanta gana de gozar con elas".

Oubiña adiantou que logo das vacacións de Semana Santa Noites Abertas entrará na súa segunda fase "e agardamos que non só manteña o ritmo, senón que aumente. Está sendo unha experiencia realmente positiva para todos os implicados, tanto para a rapazada, como para os monitores e os organizadores".

"Estamos moi contentos coa resposta da mocidade, ademais do funcionamento de todo o programa"

Polo miúdo, o 90 % das participantes nas actividades foron mozos e mozas de entre 12 e 25 anos, sendo 541 os primeiros e 525 as segundas. Cada fin de semana, de media, Noites Abertas logrou chamar a atención de 266 persoas que participaron de xeito activo nalgunha das súas actividades, "quedando demostrado que o programa funciona como un forte polo de atracción para a rapazada da cidade que procura alternativas de ocio saudábeis e de socialización positiva", valora o concelleiro nacionalista.

Dentro das actividades que máis éxito tiveron, e que mesmo contaron listaxe de espera, aparecen os doces veganos, a lámpada marabillosa, o obradoiro de escritura creativa e ilustración, o bordado mexicano, personaliza a túa totebag, xoiería con resina vexetal, eco-estampación, encadernación, bádminton libre e origami-colares.

Outras actividades de moito éxito estaría o curso de batería, baile galego, xadrez e os xogos de mesa non convencionais.

Só tres actividades tiveron que ser canceladas con antelación: origami, defensa persoal e sexualidade. A actividade específica do Plan de Prevención de Drogas contou con 8 persoas na súa primeira sesión.

"Queremos destacar, ou facer fincapé, nunha das actividades deste ano que xa presentamos no seu día, pero que supoñíamos importante. A Lámpada marabillosa, ese espazo de socialización e esparexemento que habilitamos na Casa Azul e que non ten unha finalidade concreta, máis aló que permitir a xuntanza, a conversa ou o xogo libre", sinala o edil.

"Está resultando unha experiencia moi positiva, cunha concorrencia constante de participantes que buscan relacionarse, pasar un anaco agradábel ou coñecer outros mozas e mozas coma eles. É unha actividade importante, porque alén da vixilancia que hai, con monitores presentes, non é algo dirixido, é un espazo onde é a rapaza a que se expresa e fai o que considera, recuperando esa socialización que a pandemia restrinxiu e limitou", conclúe Oubiña.