Máis paseos a pé e en bicicleta, reto na Illa de Arousa para favorecer hábitos saudables

O Salnés
10 de novembro 2022

O Concello de A Illa anuncia a súa adhesión á Rede Española de Cidades Saudables, dependente da Federación Española de Municipios e Provincias. Esta decisión supón que o goberno local asume o compromiso de promocionar a vida saudable como prioridade na axenda política coa transformación de espazos públicos do municipio

Espazos públicos de preferencia peonil na Illa de Arousa
Espazos públicos de preferencia peonil na Illa de Arousa / Concello da Illa de Arousa

O Concello da Illa de Arousa anuncia a súa adhesión á Rede Española de Cidades Saudables, que depende da Federación Española de Municipios e Provincias. Esta decisión supón que o goberno local asume o compromiso de poñer a saúde e a promoción de hábitos de vida sa como unha prioridade na axenda política.

Como consecuencia levará a cabo a transformación de espazos públicos coa intención de adaptarse á filosofía da seguridade viaria e da mobilidade sostible priorizando a presenza de peóns. O goberno local indica que estas medidas xa se están executando nas obras da Avenida Castelao e tamén na Praza do Regueiro.

O reto conleva a creación de novas zonas que fomenten a actividade social, a igualdade e a inclusión. Os recursos serán requiridos a outras administracións que permitan a executar proxectos en espazos que mellorarán a saúde da poboación da Illa.

Desde o goberno que lidera o alcalde Carlos Iglesias trabállase na redacción de varios proxectos para presentar na próxima convocatoria de subvencións que realice a Rede Española de Cidades Saudables nas que se fomenta a creación de infraestruturas públicas que permitan a realización de actividade física ao aire libre, fomento da bicicleta e roteiros seguras e accesibles para os viandantes.

Tamén se adoptarán medidas nestes proxectos para acougar o tránsito de vehículos na contorna de centros escolares do municipio.