Máis prazas e horario máis extenso no Espazo Concilia de Poio este verán

Poio
06 de maio 2023

Estará operativo no CEIP Viñas desde o 3 de xullo ata o 8 de setembro, cun horario de luns a venres de 7.30 a 15.00 horas. Habilítanse un total de 45 prazas, fronte ás 30 de edicións previas, e mantéñense os mesmos prezos: 25 euros para xullo e agosto e 10 para setembro

Actividade ao aire libre na Finca Besada dos participantes no Espazo Concilia de Poio
Actividade ao aire libre na Finca Besada dos participantes no Espazo Concilia de Poio / Concello de Poio

O Espazo Concilia, unha proposta socioeducativa de lecer e de apoio á infancia en Poio, incrementará este verán o seu horario e tamén o número de prazas. 

Así o deu a coñecer o Concello de Poio, que promove este programa co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade e se traballa na potenciación de valores como a igualdade e a prevención da violencia, a través de diferentes obradoiros e actividades.

Este servizo estará operativo durante o verán no CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador, desde o 3 de xullo ata o 8 de setembro, cun horario de luns a venres de 7.30 a 15.00 horas.

Nesta convocatoria habilítanse un total de 45 prazas, fronte ás 30 de edicións previas, e mantéñense os mesmos prezos: 25 euros para os meses de xullo e agosto e 10 para setembro.

Poderán gozar deste servizo aqueles nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019 que estean escolarizadas nos centros de ensino de Poio, así como fillos e fillas de persoas que teñan o seu posto de traballo no municipio.

O Concello de Poio pon en marcha este programa a través da Concellería de Igualdade, que está en mans da tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz.

As bases do Espazo Concilia xa están dispoñibles na Sede Electrónica do Concello de Poio, logo da súa aprobación na Xunta de Goberno Local. O período de solicitude de reservas abrirase o vindeiro mércores, 10 de maio, e permanecerá operativo ata o martes 23.

As peticións poderán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello ou vía presencial con cita previa no Rexistro Xeral do Concello ou no Rexistro do Palacete de Besada.

O día 5 de xuño farase pública a listaxe provisional e a listaxe definitiva darase a coñecer o 12 de xuño.