Máis preto da nova fase do ARI de Estribela, pero sen noticias do centro histórico

Pontevedra
27 de febreiro 2015

Un novo trámite deixa cada vez máis preto de poder executarse a nova fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela, relativa aos anos 2015 e 2016, e na que se rehabilitarán 32 vivendas e realizarán obras de urbanización na rúa de Comboa. Mentres, Louro lamenta que o ARI do centro histórico siga agardando

Vivenda incendiada en Estribela
Vivenda incendiada en Estribela

Un novo trámite deixa cada vez máis preto de poder executarse a nova fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela, relativa aos anos 2015 e 2016, e na que se rehabilitarán 32 vivendas e realizarán obras de urbanización na rúa de Comboa.

O Concello de Pontevedra ratificou este venres o convenio de financiamento, que o propio Goberno local define como unha formalidade administrativa para traspasar os fondos do anterior Plan Estatal de Vivenda ao actual.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, recorda que o investimento total previsto no barrio é de 525.119,11 euros, dos que o 33,8% se corresponden coa achega municipal, isto é, 177.981 euros. O Ministerio de Fomento aporta 164.547 euros (o 31,3% do orzamento); a Xunta, 122.199 euros (o 23,2%); e os veciños beficiarios o 11,5% restante, porcentaxe que se materializa en 60.391,12 euros. O principal esforzo realizarase durante este ano 2015, cun investimento total de 325.119 euros, mentres que os 200.000 restantes agardarán polo 2016.

Louro aproveitou este novo trámite para lamentar que o ARI do centro histórico siga agardando e explica que o Plan Estatal de Vivenda 2013-2016, a pesares de que xa entrou en vigor hai dous anos, limítase á integración dos fondos do anterior plan, como é o caso dos aprobados para Estribela.

Ao repecto, indicou que os concellos seguen agardando que a Xunta de Galicia publique a orde reguladora na que se deben fixar os obxectivos e repartirse os fondos asignados. Unha vez publicada esa orde autonómica, o Concello aprobará a ordenanza reguladora das subvencións no centro histórico e poderá poñer en marcha definitivamente o ARI.