Máis protección para un xacemento da Lanzada que quere aumentar o seu valor turístico

Sanxenxo
14 de maio 2024

"Recuperar a nosa historia tamén é unha experiencia 100% Rías Baixas", asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que recorreu este martes o xacemento acompañado do vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín

Visita do presidente da Deputación, Luis López, ao xacemento da Lanzada
Visita do presidente da Deputación, Luis López, ao xacemento da Lanzada / Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra estableceu un plan de acción para aumentar a protección do xacemento arqueolóxico da Lanzada, en Sanxenxo, unha actuación coa que, ao mesmo tempo, buscan incrementar o valor turístico de todo este complexo.

Con este fin, o goberno provincial solicitará a Patrimonio da Xunta ampliar a catalogación deste xacemento como ben de interese cultural (BIC) para reforzar a súa protección.

"Recuperar a nosa historia tamén é unha experiencia 100% Rías Baixas", asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que recorreu este martes o xacemento acompañado do vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.

Ademais de conseguir a ampliación da protección de todo o conxunto, desde o cruzamento coa estrada PO-308 ata o lugar onde se atopa a ermida da Lanzada, o goberno provincial desvelou os seus plans máis inmediatos para este xacemento.

Así, realizaranse limpezas e labores de mantemento regulares para evitar a acumulación de sucidade e minimizar posibles danos ao xacemento, ampliarase cara ao leste e cara ao norte as áreas de escavacións e anularase un tramo do viario sur de acceso á ermida.

Este plan incluirá ademais a realización dunha prospección xeofísica na contorna da ermida para dar con posibles restos arqueolóxicos aínda non descubertos e a consolidación e musealización das últimas estruturas achadas nas escavacións.

Para todas estas accións, a Deputación de Pontevedra destinará este ano 390.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde Telmo Martín sinalou que este xacemento "é a xoia da coroa do municipio, onde está parte da historia de Galicia e queremos recuperar este entorno, renaturalizar o espazo e poñelo en valor".

Incidiu que A Lanzada é un dos lugares máis visitados do municipio "e queremos mimala e coidala", para o que o Concello realizará un concurso de ideas no que estarán representados distintos técnicos como paisaxistas, arqueólogos e arquitectos “que nos propoñerán a mellor forma de facelo”.