Case 3,3 millóns de euros (IVE incluído). Esa é a cifra que se destinará finalmente ás actuacións que permitirán optimizar o funcionamento da actual rede de saneamento municipal de Poio.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, acaba de adxudicar as obras nun contrato que ten un prazo de execución de 18 meses.
A obra central será o tanque de tormentas da Seca, unha infraestrutura clave para optimizar todo o sistema xa que a súa función é almacenar as primeiras augas de chuvia, que son as que arrastran toda a sucidade acumulada nas rúas e no asfalto, e evitar así que estas se alivien directamente ao medio natural.
Coa execución do conxunto de actuacións e melloras previstas na rede incrementarase a capacidade de recollida e tratamento das augas e contribuirase á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento sostible da contorna.
Entre as actuacións previstas destaca a execución dun depósito de retención de auga previo ao bombeo da Seca, así como a integración deste depósito na nova instalación.
Ademais, vanse renovar as estacións de bombeo de augas residuais (EBAR) de Porto Campelo e Mirador e completarase a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
Esta obra se poderá levar a cabo grazas ao convenio de colaboración subscrito a finais do ano pasado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Poio, cunha vixencia prevista ata o ano 2027 e posibilidade de prórroga posterior.
Augas de Galicia achegará o 90% do investimento necesario para executar as obras -unha achega cofinanciada pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027)- e o 10% restante corresponderá ao Concello de Poio.