Máis visitantes e un menor tempo de estancia, os 'retoques' ao plan de usos do illote de Areoso

O Salnés
24 de marzo 2023

A directora xeral de Patrimonio Natural e os alcaldes da Illa de Arousa e de Ribeira mantiveron esta semana unha reunión para analizar o estado de tramitación dun texto que amplía a 150 o número de visitantes ao illote repartidos en tres quendas diarias

Reunión entre a directora xeral de Patrimonio Natural e os alcaldes da Illa e Ribeira para tratar os usos do illote de Areoso
Reunión entre a directora xeral de Patrimonio Natural e os alcaldes da Illa e Ribeira para tratar os usos do illote de Areoso / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia está a introducir unha serie de melloras e cambios de interese na orde pola que se regularán os usos públicos e as actividades permitidas e autorizables no arquipélago dos Guidoiros, do que forma parte o illote do Areoso.

É un instrumento que busca garantir o equilibrio entre a protección dos valores e o aproveitamento público deste espazo natural, que nos últimos anos vén rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.

Así llo trasladou esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos alcaldes da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, e de Ribeira, Manuel Ruíz, os dous concellos nos que se localiza este espazo insular.

A reunión produciuse a petición do rexedor ribeirense, para abordar o estado de tramitación actual da referida orde reguladora.

Unha vez finalizada a fase de información pública do documento e o trámite de audiencia aos interesados, Belén do Campo trasladoulles que desde o seu departamento xa se analizaron as 375 alegacións e achegas recibidas por parte de administracións locais, autonómicas e estatais, empresas que operan na zona, sociedades de pescadores, entidades ambientais e cidadáns particulares.

Neste sentido e co fin de enriquecer e mellorar o texto normativo, a directora xeral explicoulles aos alcaldes as principais novidades e modificacións propostas no contido da orde e que, segundo indicou, se centran nos usos e actividades permitidos e autorizables dentro do espazo integrado por este conxunto de illas e illotes. 

En concreto, increméntanse en tempada alta de 100 a 150 os visitantes diarios permitidos no Areoso pero sen alterar a súa capacidade de carga. A tal fin, explicou que se introduce unha terceira quenda de visitas fronte ás dúas previstas inicialmente -do amencer ao mediodía; do mediodía ata as 16:00 horas; e das 16:00 horas ata o solpor- de forma que se reduce o tempo de estadía para incrementar a cambio as frecuencias. 

As autorizacións diarias de fondeos e atraques no medio insular increméntase tamén nun 50% tanto durante a tempada alta como na baixa.

Ademais, entre os usos e actividades permitidos incorpórase o acceso á illa da Rúa e ao illote Pedregoso fóra do período de cría (é dicir, de marzo a xuño), o mergullo recreativo e deportivo en apnea, e tamén a pesca recreativa en todo o ámbito (salvo nos 200 metros que rodean o Areoso).

De igual xeito, no caso dos usos autorizables previo permiso introdúcense tamén o mergullo recreativo e deportivo en grupos e con equipos autónomos, salvo na zona balizada no illote do Areoso.

Por último, Belén do Campo tamén se referiu á introdución dunha disposición adicional na orde co fin de “recoller explicitamente”, de acordo coa normativa estatal, a liberdade de navegación en toda a lámina de auga do ámbito afectado pola regulación, co fin de evitar, segundo dixo, posibles interpretacións erróneas.

As modificacións introducidas sobre todo no relativo aos cupos de visitantes, fondeos e atraques, tal e como explicou a directora xeral, fan necesario adaptar a aplicación habilitada pola consellería para que as persoas interesadas en acceder a este espazo poidan tramitar os correspondentes permisos. Por esa razón, indicou que a posta en práctica da nova regulación, unha vez se complete a tramitación da orde e sexa aprobada, está prevista para este verán.

En todo caso, Do Campo trasladoulles a ambos rexedores que durante a Semana Santa e en previsión de que poida haber nesta época unha maior afluencia ao illote de Areoso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reforzará a presenza do seu persoal na zona co fin de garantir un aproveitamento público axeitado e que a tempada discorra sen incidentes.

Neste sentido, incidiu en que todos os cambios previstos mellorarán a futura orde de usos e actividades, un instrumento que, tal e como lembrou, responde á vontade de colaboración amosada por todas as administracións e colectivos implicados co fin de impulsar a mellor regulación posible para conservar este espazo natural.

Deste xeito, búscase combinar o interese turístico crecente desta zona coa protección dos notables valores e recursos naturais que concentra e que, de feito, espertan tamén un grande interese desde o punto de vista científico, cultural e medioambiental.