Malestar dos pais do CEIP Vidal Portela polas multas da Policía Local co estacionamento

Pontevedra
06 de outubro 2021

Pais do CEIP Vidal Portela trasladaron a PontevedraViva o seu malestar polo proceder que axentes da Policía Local seguen tendo coa vixilancia e penalización entre condutores que estacionan para deixar ou recoller aos escolares

Zona de aparcamento no CEIP Vidal Portela
Zona de aparcamento no CEIP Vidal Portela / Mónica Patxot

Pais do CEIP Vidal Portela trasladaron a PontevedraViva o seu malestar polo proceder que axentes da Policía Local seguen tendo coa vixilancia e penalización entre condutores que estacionan para deixar ou recoller os escolares.

A ANPA do centro pontevedrés - situado na Avenida de Bos Aires e con accesos tanto neste vial como desde a peonalizada rúa Cruz Vermella -, facilitou en colaboración co Concello e desde hai uns cursos, unha tarxeta identificativa para proxenitores con nenos ata primeiro de Primaria.

A tarxeta identifica o vehículo autorizado, así como á persoa vinculada ao primeiro e ao propio centro educativo. 

Colocalo en lugar visible permítelles o estacionamento no espazo de aparcamento anexo ao Vidal Portela na Avenida de Bos Aires durante media hora: un cuarto de hora antes e despois das 09.00 horas e un cuarto de hora antes e despois das 14.00 horas. Unha marxe de media hora que trata de ser compatible cos horarios dos diferentes cursos, máxime se hai titores con máis dun escolar.

O malestar dos adultos contactados refiren ao "exceso de rigor ou falta de empatía" con que se atopan en ocasións e que se reflicte na imposición de multas. "Un día tes un descoido ao estacionar e a tarxeta non está visible no cadro de mandos. Volves ao coche tras recoller aos nenos e ao ver que che están sancionando mostras a tarxeta e dinche que xa tes a multa, que a recorras" exemplifican. 

Outra situación que explican e cuestionan en maior grao refire a días de choiva en que "como os aproximadamente vinte espazos que hai neste recinto ocúpanse, tes que subir á beirarrúa para deixar ou recoller aos nenos e casualmente neses días que chove e neses momentos pasa o multamóvil", "dá a impresión que é unha razón recadatoria máis que de dificultar o tráfico", expoñen.

Engaden a particularidade que ten o CEIP Vidal Portela; boa parte do alumnado pertence a familias que traballan pero non residen no centro urbano da cidade senón en parroquias do rural ou en municipios próximos, de forma que o vehículo particular é imprescindible nestes casos.

"Tampouco se pode usar como escusa as pda porque vin axentes que cobren o papel, anotan e dancho". Coinciden en que non se trata de dispoñer de barra libre para aparcar, senón "de que haxa uns criterios obxectivos para multar". 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora