Malestar no instituto A Xunqueira II ao quedar fóra do transporte escolar alumnado que usaba o servizo

Pontevedra
26 de outubro 2024
Actualizado: 10:50

Desde hai unha semana escolares que levan anos usando o autobús agora non poden. O centro fala de danos nos vehículos e a Xunta de alta demanda de prazas. As familias piden solucións

Autobús escolar na contorna do lES A Xunqueira II
Autobús escolar na contorna do lES A Xunqueira II /

A xestión do transporte escolar está a xerar malestar entre un grupo de familias do alumnado do IES A Xunqueira II de Pontevedra.

Desde hai unha semana, o pasado venres 18 de outubro, hai estudantes que comezaron o curso usando o autobús que tiveron que deixar de facelo como resultado un acordo entre o centro e a empresa encargada. 

Teñen entre 12 e 16 anos, están matriculados na etapa de educación secundaria obrigatoria (ESO) e residen a menos de dous quilómetros do instituto. Para este alumnado non hai prazas "lexítimas", pero si reciben autorización de uso excepcional.

En cursos pasados puideron ir ao centro en autobús e durante o primeiro mes deste ano académico tamén, pero, de repente, deixaron de ter permiso. Trátase de alumnado matriculado no centro que reside en zonas como A Parda, Eduardo Pondal, a contorna das estacións de autobús e tren, María Victoria Moreno ou Manuel del Palacio

A única explicación que teñen as familias chegoulles a través dunha comunicación oficial o luns 21. A directora explicáballes que adoptaban esta decisión debido ás "diversas incidencias" relacionados "con danos ocasionados aos asentos e interior" dos autobuses. 

Parada de autobús escolar no IES A Xunqueira II
Parada de autobús escolar no IES A Xunqueira II Mónica Patxot

Esa comunicación indicaba que a "gravidade" dalgúns destes danos e a "reincidencia" con respecto a cursos anteriores, levou a celebrar unha reunión entre a Dirección e representantes das empresas adxudicatarias o 17 de outubro. 

Nese encontro acordaron a adxudicación numerada de asento a cada usuario con praza, tanto por ser considerado lexítimo como porque teña obtido autorización de uso excepcional.

A estes escolares entregáronlles novos carnés con formato lixeiramente distinto e co número de asento adxudicado.

Neses novos carnés especifícase a condición de usuario lexítimo ou de usuario con autorización excepcional e todos aqueles que non os teñen non poden subir aos autobuses, a pesar do que se viña facendo en cursos pasados. 

As familias presentaron queixas na Inspección educativa e na dirección do centro pedindo explicacións e solucións, e, de momento, as súas demandas non foron escoitadas. 

PontevedraViva tratou sen éxito de falar coa dirección do centro para obter a súa resposta, pero si respondeu a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que asegurou que "en resposta ao malestar xerado", está a traballar neste asunto. 

Alumnado no IES A Xunqueira II
Alumnado no IES A Xunqueira II Mónica Patxot

Desde a Xunta non falan dos "desperfectos" que argumenta o centro. Explican que se tomou a decisión de que só viaxe o alumnado con dereito "ante o incremento de alumnos con dereito e ao existiren máis solicitudes que prazas vacantes"

Ademais, aseguran que, "co fin de ofrecer a mellor atención aos desprazamentos" do alumnado que solicita o uso excepcional, a Presidencia contactou co centro para "abordar a asignación das prazas baleiras ata completar a capacidade do servizo".

As familias van seguir coas súas demandas, pois aseguran que ata agora os seus fillos e fillas si usaron o autobús, sempre sen problemas. E quéixanse de que cando formalizaron a matrícula en xuño, "ninguén nos dixo que se quedarían sen autobús en outubro"

Ademais, quéixanse de que, ao basear a súa decisión nos supostos danos nos autobuses, "dan por probado" que os autores son eses usuarios "non lexítimos", pois "son os únicos que se ven afectados" sen demostrar que exista investigación algunha para determinar a autoría. 

Critican tamén que, desde que se adoptou esta medida, están a producirse problemas circulatorios na contorna do centro nas horas de entrada e saída, de pais que se ven obrigados a ir buscar os estudantes en coches particulares.