Os alcaldes da agrupación de Concellos formada por Cuntis, Caldas, Barro, Moraña e Portas celebraron este martes unha reunión telemática que versou sobre a denegación por parte da Xunta dun novo programa integrado de emprego.
Manuel Campos, Juan Manuel Rey, Xosé Manuel Fernández Abraldes, José Cela e Ricardo Martínez coincidiron á hora de mostrar o seu desacordo con esta decisión e destacan os "excelentes" datos obtidos nestes programas ao longo dos catro últimos anos.
"Cremos que foi un programa ben pensado, destinado a veciños con gañas de formarse e de traballar que demostrou unha eficacia moi importante nos cinco Concellos onde se desenvolveu", dixo o rexedor cuntiense, Manuel Campos.
Durante a celebración destes talleres, 345 desempregados foron beneficiados dos diferentes itinerarios formativos que lograron unha inserción laboral do 48 %.
"Non estamos ante unha cuestión política, senón de integración social. As altas cifras de empregabilidade demostran que foi un programa moi eficaz, desenvolvido de maneira impecable con resultados moi positivos para os veciños e veciñas da comarca", remarcan desde o colectivo, que pide á Xunta que recapacite e desenvolva un ano máis este programa nestes cinco municipios.