Manifestación o sábado contra a instalación "masificada e innecesaria" de 'lombos' no rural

Pontevedra
29 de xuño 2017
Actualizado: 20:35

'O Rural Existe' convocou unha protesta que sairá ás 11.30 horas da praza da Ferrería. Reivindican que os habitantes do rural necesitan servizos básicos que non teñen e reformas que melloren a súa calidade de vida, "non obstáculos impostos sen consenso dos veciños" 

Traballos para a instalación de 'lombos' na estrada de Pintos, en Marcón
Traballos para a instalación de 'lombos' na estrada de Pintos, en Marcón

A nova plataforma veciñal O Rural Existe (#oruralexiste, nunha das variantes pensadas para a súa difusión a través das redes sociais) decidiu pasar á acción na súa protesta sobre o abandono do rural e contra a instalación de 'lombos' nas parroquias do rural. Este sábado 1 de xullo sairán á rúa nunha manifestación que partirá ás 11.30 horas da praza da Ferrería. 

A manifestación reivindicará que o rural de Pontevedra está "abandonado" e gritará "non ós lombos', segundo anunciaron os seus promotores, unha plataforma á que se uniron un grupo de veciños das parroquias do municipio.

A protesta mostra o malestar veciñal coa "instalación masificada e innecesaria" de 'lombos' no rural de Pontevedra, en estradas provinciais que "son arterias principais das parroquias" e que "se atopan nun estado de conservación lamentable"

Respecto diso, reivindican que os habitantes do rural necesitan servizos básicos que non teñen e reformas que melloren a súa calidade de vida, "non obstáculos impostos sen consenso dos veciños", en alusión aos badenes que xa empezaron a instalarse.  

A protesta contará co apoio de distintos colectivos veciñais como Outeiro do Castro de Verducido, Os Tres Pinos de Santa María de Xeve, San Martiño de Salcedo, Moldes- Mourente, a asociación cultural San Andrés de San Andrés de Xeve e taxistas e conductores de ambulancias.