Manter a ofrenda institucional á Virxe Peregrina, petición do PP ao goberno da Deputación

Pontevedra
20 de agosto 2019

A deputada popular Pepa Pardo aproveita as declaracións realizadas pola concelleira do BNG en Pontevedra nas que criticaba que a presidencia da Deputación participara nun acto relixioso para sinalar que os bipartitos acaban converténdose en bigobernos

Pepa Pardo, do PP, nun pleno da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

A deputada provincial do Partido Popular Pepa Pardo reclamou este martes á presidenta da Deputación que conserve a ofrenda institucional que o goberno provincial realiza tradicionalmente á Virxe Peregrina durante a celebración da semana grande das festas. 

A representante do PP realizaba esta petición tras as críticas da concelleira de Festa do Concello de Pontevedra, Carme da Silva. A nacionalista lamentaba que desde a presidencia da Deputación se participe neste tipo de actos de carácter relixioso. Pepa Pardo afirma que os políticos deben estar onde está a xente e non se entendería, apuntou, que por un capricho do BNG se eliminase esta tradición que non é só da Deputación, senón da xente de toda a provincia.

Incidiu lembrando que os veciños de Pontevedra "xa teñen que aguantar desde hai 20 anos que o alcalde da localidade non asista aos actos litúrxicos das festas ou que non se promocione turisticamente a Semana Santa". A deputada do PP cre que os cargos políticos deben saber que representan a todos os veciños, tanto aos que os votaron como aos que non. 

A  Deputación realizou a ofrenda durante todo o mandato anterior no que xa había goberno compartido entre o PSOE e o BNG na institución provincial. Neste caso, era realizada pola deputada socialista Digna Rivas, á que agora os populares acusan de negarse a participar na procesión do Corpus como alcaldesa de Redondela.

Estas discrepancias entre PSOE e BNG serviron para que o PP aproveite para establecer dúbidas sobre o goberno bipartito. Cren que mal comezan se o Bloque xa está a criticar ao seu socio de goberno. "Os bipartitos, por norma habitual, sempre se acaban convertendo en  bigobernos, apuntou Pepa Pardo.