Manuel Campos, única dedicación exclusiva en Cuntis: reducirá un 10% o salario de alcalde

Umia
05 de xullo 2015

Tan só unha única dedicación exclusiva haberá no novo goberno bipartito de Cuntis. Será a que terá o alcalde, o socialista Manuel Campos. Así o trasladarán PSdeG-PSOE e BNG ao Pleno de organización municipal que se celebrará este luns, a partir das oito e media da tarde

Goberno municipal de Cuntis
Goberno municipal de Cuntis

Tan só unha única dedicación exclusiva haberá no novo goberno bipartito de Cuntis. Será a que terá o alcalde, o socialista Manuel Campos. Así o trasladarán PSdeG-PSOE e BNG ao Pleno de organización municipal que se celebrará este luns, a partir das oito e media da tarde. Para que sexa aprobado necesitarán o apoio dos dous edís de Veciñanza de Cuntis ou a abstención dos cinco do Partido Popular.

A devandita proposta fixa un salario de 30.898,60 euros brutos anuais para o alcalde, repartidos en catorce mensualidades. É, segundo o goberno municipal, un dez por cento menos do que cobraba o anterior rexedor, o popular Antonio Pena.

Os demais concelleiros da corporación municipal cobrarían, se é aprobada esta repartición, 30 euros por asistencia aos plenos, 20 euros por cada Xunta de Goberno local -que se celebrarán quincenalmente- e 20 euros por asistir a unha das comisións informativas.

Cada unha destas comisións estarán formada por dous concelleiros do PP e un de PSdeG-PSOE, BNG e Veciñanza de Cuntis. Serán cinco en total: Contas, Facenda, Persoal e Organización; Cultura, Turismo e Educación; Urbanismo, Medio Rural e Servizos; Servizos Sociais, Promoción do Emprego e Igualdade e Sanidade e Xustiza.

Os plenos da corporación celebraríanse cada dous meses, concretamente o último venres de cada mes impar, a partir das oito e media da tarde.

Con esta organización pecharíase un proceso que se iniciou coa investidura de Manuel Campos como alcalde, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG e Veciñanza. Finalmente estes últimos non entraron no goberno, que quedou formado por tan só catro concelleiros.

Xunto ao alcalde Manuel Campos, o único con dedicación exclusiva, gobernará Concepción Campos como primeira tenente alcalde, e o nacionalista Enrique Portela como segundo tenente alcalde. O socialista José Manuel Lema formará parte do equipo de goberno local.

O PSdeG asumirá a xestión das áreas de Urbanismo, Economía e Facenda, Medio Ambiente, Sanidade, Promoción do Emprego, Persoal e Seguridade Cidadá, Obras, Mantemento e Servizos, Xustiza, Servizos Sociais, Innovación e Industria, Deporte, Igualdade, Medio Rural, Agricultura Forestal e Concentración Parceira.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego farase cargo de Cultura, Patrimonio, Turismo, Comercio, Normalización Lingüística e Educación.