O PSdeG-PSOE confiou a Manuel Flores Ortigueira, ex secretario da comunidade de montes de Briallos, o reto de liderar a candidatura que presentarán ás eleccións municipais de 2023. O seu obxectivo, adianta o elixido, será traballar para que Portas sexa un concello "con futuro".
"Quero traballar para dotar ao concello de servizos públicos dignos, tratar a todas as parroquias con equidade, reforzar o tecido social e garantir un futuro aos nosos fillos", subliñou o candidato, un home de 55 anos e xestor comercial de profesión.
O que fora xa número 2 da candidatura socialista en 2019, preséntase como un veciño "sen peaxes" que decidiu asumir esta responsabilidade e apostar "pola honradez, a transparencia, o traballo, a constancia e a humildade", abrindo as portas do concello a todo o mundo.
Manuel Flores lamenta o declive de Portas, un concello no que non se asentan empresas e que vive fundamentalmente do sector primario, coa viticultura á fronte.
O seu programa electoral basearase en ofrecer "oportunidades" de vida para que Portas non quede nun "concello dormitorio", dotándoo de mellores servizos, máis equipamentos públicos, una ampla programación cultural ou completando as redes de saneamento.
O seu lema de campaña será "imPORTASme" porque, segundo o candidato socialista, "o que importa é a xente e porque quero que este sexa un concello para vivir con optimismo, con dignidade e con expectativas".