O Gremio de Mareantes de Pontevedra incorporou este 30 de xuño o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da provincia, Manuel Touceda Souto, como membro de honra da corporación.
O acto celebrouse no local social da entidade, situado na avenida das Corbaceiras, onde o homenaxeado recibiu un medallón nominativo e un pergamiño acreditativo da súa distinción.
O presidente do Gremio, José Luís Arellano, explicou que a Garda Civil ostenta a presidencia de honra da institución e que estes recoñecementos se actualizan cando se producen substitucións na xefatura da Comandancia.

Pola súa banda, Manuel Touceda, que exerce o cargo desde marzo de 2025, manifestou a súa satisfacción por recibir a distinción dunha entidade tan vinculada á historia da cidade "na que nacín", apuntou.
"Recíboo con moitísima satisfacción e con moitísimo orgullo", indicou o homenaxeado.
O coronel xefe quixo tamén destacar os datos de seguridade da provincia dentro do contexto autonómico e nacional durante os últimos anos.
Na actualidade, o Gremio de Mareantes conta con preto de 400 membros de número. Arellano, quen cumpre 20 anos á fronte da presidencia, recoñece as dificultades actuais da entidade ante a falta de participación da mocidade e a ausencia dunha substitución para o seu cargo nunha entidade "que instaurou Pontevedra", indica.

"Eu xa terminaría este ano e xa... pero miro para atrás... e non hai substitución. É incrible que sucedan estas cousas", laméntase Arellano.
Neste contexto, o presidente detallou que o seu labor actual céntrase en recompilar información e documentos con destino ao museo da institución para preservar a memoria do antigo porto.
Ao acto asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández; o deputado provincial Jorge Cubela; o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, xunto á senadora e concelleira Yoya Branco; e concelleiros do Partido Popular, entre eles a tamén senadora Pepa Pardo.

No ámbito da seguridade e civil, estiveron presentes, entre outros, o comisario da Policía Nacional, Juan José Díaz; o xefe da Brigada "Galicia" VII (BRILAT), o xeneral Andrés González Alvarado; e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores.