O mar busca o seu futuro nas aulas de Marín co proxecto ‘Relevo Xeracional’

Marín
26 de febreiro 2026

O IES Illa de Tambo inaugura as xornadas do GALP Ría de Pontevedra para achegar os oficios mariñeiros e a FP Dual ao alumnado de 4º de ESO

Campaña Relevo Xeracional do Galp Ría de Pontevedra GALP Ría de Pontevedra

O sector pesqueiro galego mira cara ás novas xeracións para asegurar a súa continuidade e modernización. Este mércores, o IES Illa de Tambo, en Marín, converteuse no punto de partida do proxecto ‘Relevo Xeracional: O Futuro do Mar’ dentro do territorio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra.

A iniciativa nace coa ambición de romper estereotipos e amosar á mocidade que o mar non é só tradición, senón un nicho de emprego tecnificado, sostible e con futuro.

A formación, dirixida especificamente o alumnado de 4º de ESO, busca conectar a realidade do sistema educativo co tecido produtivo das comunidades costeiras.

Durante esta primeira sesión, os estudantes participaron nunha actividade dinámica na que puideron descubrir a evolución do sector cara a modelos de xestión máis sostibles e a importancia estratéxica da pesca na economía local.

Un dos eixes centrais da xornada foi a divulgación das opcións formativas actuais, facendo especial fincapé na Formación Profesional Dual marítimo-pesqueira.

Esta modalidade preséntase como unha oportunidade clave para que os mozos e mozas accedan a un mercado laboral que demanda profesionais cualificados para tripular as embarcacións do século XXI.

O proxecto non se limitará ás charlas nas aulas. Segundo informaron os organizadores, o IES Illa de Tambo acollerá en breve unha segunda sesión para profundar nos contidos.

O programa tamén vai estenderse proximamente a outros centros da zona, como o Centro Plurilingüe Sagrado Corazón de Placeres, en Pontevedra.

A folla de ruta de ‘Relevo Xeracional’ inclúe experiencias de inmersión directa como visitas guiadas a entidades e empresas vinculadas ao sector, embarques reais para que o alumnado coñeza de primeira man o día a día do traballo no mar e accións de sensibilización sobre a protección do patrimonio natural e a conservación dos recursos mariños.

Esta iniciativa está impulsada polos GALP galegos en colaboración coa Consellería do Mar, contando co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A intención final é garantir que o patrimonio mariñeiro da ría non se perda e que as novas xeracións vexan no horizonte atlántico unha saída profesional digna, tecnolóxica e esencial para o desenvolvemento sostible do territorio.