Inaugurada a nova sede do GALP na Casa Rosada de Poio

Poio
05 de xullo 2025
Actualizado: 7:23

A nova oficina en Poio complementa á sede de Marín e permite reforzar a atención e o acompañamento que ofrece a entidade

Inauguración da nova sede do Galp
Inauguración da nova sede do Galp / GALP Ría de Pontevedra

"Un espazo aberto para converter ideas en proxectos" e "un punto de encontro accesible e próximo". Así definiron as persoas asistentes a nova sede do Grupo de Acción Local (GALP) Ría de Pontevedra durante a xornada de portas abertas celebrada o xoves, na Casa Rosada do Concello de Poio.

A participación foi ampla e diversa: veciñanza, representantes institucionais, empresariais, culturais e do sector marítimo-pesqueiro achegáronse a coñecer o espazo e interesarse polo labor que desenvolve o GALP no territorio.

A cita contou cun acto institucional encabezado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; o alcalde de Poio, Ángel Moldes; e a presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores.

Ao remate do acto, as persoas asistentes gozaron dun espazo de encontro con música en directo e degustación de produtos do mar, nun ambiente distendido que favoreceu o diálogo e a creación de novas sinerxías entre os distintos axentes do territorio.

Durante a súa intervención, a presidenta do GALP-RP destacou o valor estratéxico desta nova sede para o territorio: "Abrimos as portas desta nova sede con ilusión e compromiso, para seguir acompañando aos axentes locais nos seus proxectos e garantir que todo o territorio do GALP, se sinta parte activa desta rede de desenvolvemento local sostible" – sinalou María del Carmen Vázquez Nores.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, puxo en valor o traballo dos GALP como canles de impulso para o sector "para buscar o mellor e fomentar o desenvolvemento das estratexias que teñen marcadas para estas comunidades".

A nova oficina de Poio súmase á sede xa existente en Marín, co obxectivo de achegar os servizos ao conxunto do territorio, reforzar a proximidade e facilitar o acceso da cidadanía ao asesoramento que ofrece o GALP. Ambas sedes funcionarán con atención con cita previa, o que permitirá ofrecer un acompañamento personalizado a todas as persoas, entidades e empresas interesadas en promover iniciativas no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Inauguración da nova sede do Galp
Inauguración da nova sede do Galp

Integrado por seis municipios (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), este GALP desenvolve 25 proxectos para os que conta con 1,96 millóns de euros de axuda pública e de 2,6 millóns de investimento privado.

Dende o GALP-RP reafírmase así o compromiso coa totalidade do territorio que abrangue a entidade, traballando da man do sector, da sociedade civil e das administración locais para impulsar proxectos innovadores e transformadores que poñan en valor o medio mariño, o patrimonio cultural e natural e as persoas que viven del e nel.

Desde os seus inicios, o GALP Ría de Pontevedra actuou como espazo de encontro entre axentes públicos e privados, promovendo un modelo de desenvolvemento baseado na sostibilidade ambiental, a igualdade de oportunidades e a valorización dos recursos mariños e culturais. A través da xestión de fondos europeos como o FEMPA, a entidade impulsa proxectos que xeran impacto social, económico e ambiental positivo e perdurable no tempo.

A nova sede representa un paso máis no compromiso do GALP coa súa contorna, ofrecendo un espazo aberto de acompañamento, formación e apoio técnico a todas aquelas persoas, entidades e empresas que teñen iniciativas ligadas ao mar, á innovación social ou á diversificación económica e ao futuro das zonas costeiras.