Maratón inaugural de campos de fútbol de céspede artificial

Marín
22 de marzo 2015

O presidente da Deputación, Rafael Louzan, inaugurou durante a ponte festiva seis campos de fútbol de herba artificial, ademais de visitar as obras de iluminación noutro campo, vestiarios en Vilanova e explicar a próxima actuación no de Faxilde

Inauguración do campo de fútbol de Santo Tomé de Piñeiro
Inauguración do campo de fútbol de Santo Tomé de Piñeiro /

A axenda oficial da Deputación de Pontevedra estivo marcada durante esta ponte festiva polas infraestruturas deportivas. Concretamente cos campos de fútbol de céspede artificial que axudou a construír ou financiou ao longo da provincia durante os últimos anos.

Froito dese programa estes días concentráronse as inauguracións deste tipo de instalacións, nas que estivo presente o presidente provincial, Rafael Louzán, e deputados como Begoña Estévez ou Ana Isabel Vázquez.

A ponte comezou coa inauguración do remodelado campo de fútbol de Príncipe Felipe, en Pontevedra, no que se investiron 400.000 euros en cambiar o céspede natural polo artificial e outros 200.000 na construción de seis vestiarios.

Esa mesma tarde Rafael Louzán asistía en Ribadumia á posta de longo do campo sintético da Senra (498.000 euros o terreo de xogo) e tamén se desprazaba a Rodeiro (406.000 euros).

Durante o sábado a quenda inaugural foi para os campos das Estremas en Rebordelo, Cotobade (438.000 euros de investimento), e o domingo para o de Santo Tomé de Piñeiro, Marín (539.000 euros) e Covelo.

A todo isto hai que engadirlle as visitas o sábado aos novos vestiarios do campo de Vilanova de Arousa e a iluminación de Salgueirón, en Soutomaior, e o domingo a Faxilde para explicar as obras proxectadas nesta instalación.