As orquestras Marbella e Miramar serán dous dos principais atractivos das festas do Divino Ecce-Homo e da Virxe das Dores, que se celebrarán en Cerdedo do 23 ao 26 de xullo cun programa que combinará música, tradición e actividades para todos os públicos.
A programación, organizada pola Asociación Cultural Cerdedo Vila, foi presentada este luns polo alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela.
Xunto á comisión organizadora, o alcalde deu os detalles duns festexos que inclúen concertos, verbenas, pasarrúas, animación de rúa, alboradas, procesións e un gran espectáculo pirotécnico.
Comezará a acción o xoves 23 de xullo ás 22:30 coa actuación de Queiman Folk-Rock, un espectáculo musical e teatral que combina o folk celta tradicional, a gaita e os mitos galegos coa enerxía do rock, acompañado dunha intensa posta en escena con lume, pirotecnia e bailarinas.
O venres 24 chegará a quenda dun dos principais atractivos das festas como é a orquestra Marbella, que amenizará a verbena xunto a DJ Paco Vulkano.
O grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo encargarase de abrir a programación do sábado 25 cunha alborada e, ás 12:00, celebrarase a misa solemne cantada polo Coro Parroquial e seguida da correspondente procesión.
Comezará a subir a temperatura festiva ás 18:00 da man da Charanga Charandonga, que animará as rúas da localidade durante as horas previas ao comezo da gran verbena.
E é que a orquestra Miramar amenizará a noite xunto a DJ JJ-Compota para que finalice a xornada á 1:00 coa gran tirada de fogos de lucería.
Concluirán as festas do Divino Ecce-Homo e da Virxe das Dores o domingo 26 cun pasarrúas protagonizado pola Banda de Música de Cercedo.
O alcalde da localidade quixo pór en valor o papel da comisión organizadora, veciños e comercios ao afirmar que "estas festas son posibles grazas ao traballo desinteresado de persoas que dedican moitas horas a preparar un programa amplo e atractivo".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.