Marcas turísticas de récord en Caldas con máis de 15.000 visitantes

Umia
11 de decembro 2025

A Prazuela establécese como punto estratéxico e atrae un 50% máis de turistas que en 2024, impulsando o Camiño e o termalismo

Oficina de Turismo en Caldas de Reis
Oficina de Turismo en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Caldas de Reis supera as súas propias marcas turísticas, acadando un récord sen precedentes con máis de 15.000 visitantes que pasaron polas novas oficinas da Prazuela nesta tempada.

Unha cifra que supón un incremento do 50% respecto ao 2024, cando xa se superaran as 10.000 persoas, marcando un fito histórico, segundo o goberno local.

Manuel Fariña, tenente de alcalde e responsable de Turismo, amosouse "moi satisfeito pola boa acollida das instalacións permanentes estreadas no verán, máis modernas e visibles na súa nova localización".

Segundo Fariña, a estratexia de situar a oficina "ao paso do Camiño de Santiago, e o feito de estar nun inmoble con case 20 metros de fachada, perfectamente rotulado e identificable", resultou clave para "atraer visitantes e facilitarlles a súa estadía cunha mellor experiencia e atención".

Ademais, o Concello ampliou o horario da oficina ata as 37 horas semanais, de luns a sábado.

As estatísticas confirman a tendencia ascendente. Entre xullo e decembro de 2024 rexistráronse 10.000 visitas, mentres que este ano, no mesmo período, do 10 de xullo ao 6 de decembro, a cifra disparouse ata as 15.051.

Xullo foi o mes con maior crecemento, cun espectacular 140% de incremento, pasando de 628 visitas na antiga caseta da Tafona a 1.510 nas novas instalacións.

Tamén houbo datos destacables en agosto, con 3.164 visitas; en setembro, cun aumento do 60%; outubro, cando se duplicaron as cifras; e novembro, con máis dun 75% de subida.

Fariña subliñou que estas visitas á oficina son unha "mostra moi significativa do turismo xeral e da totalidade da xente que pasa e fai noite no municipio", xa que en cada consulta se realiza unha breve enquisa.

Manuel Fariña, tenente de Alcalde e concelleiro de Turismo en Caldas
Manuel Fariña, tenente de Alcalde e concelleiro de Turismo en CaldasConcello de Caldas de Reis

Os datos amosan que o Camiño de Santiago segue sendo a principal motivación, xunto co termalismo e o turismo de natureza.

Tamén se detectou que a organización de eventos turístico-deportivos por parte do Concello está a captar un novo público que descoñecía a vila.

A orixe dos visitantes é variada, predominando o turismo estatal, principalmente de Madrid, Andalucía, Estremadura e Cataluña, pero tamén cunha elevada porcentaxe de estranxeiros, liderados por Portugal, Alemaña, Italia, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido e China.

A maioría pernoita en Caldas, en albergues, pensións, hoteis, balnearios e vivendas turísticas, cunha estadía media de entre un e tres días.