A residencia de maiores de Ezequiel Massoni en Marín está en obras. Así o deu a coñecer este sábado o Concello, que anunciou que, en paralelo a estes traballos, traballa para lograr unhas novas instalacións.
A Consellería de Política Social xa iniciou os traballos, que supoñen a reforma integral da residencia para adaptala ao novo modelo asistencial e mellorar a eficiencia enerxética do inmoble.
Esta actuación supón un investimento de 1,5 millóns de euros e o Concello sinala que chega o ano no que maior inversión municipal hai en asistencia social, 2.276.934,54 euros.
"Todos os concellos debemos ir nesta liña de esforzo, impulsando novas unidades e espazos terapéuticos e garantindo uns Servizos Sociais de calidade, apostando por esa cofinanciación de programas como o SAF que, aínda que son enormemente costosos, son esenciais para a poboación e non deben senón mirar cara unha ampliación”, sostivo a alcaldesa, María Ramallo.
Ramallo sinala que desde o Goberno local son "conscientes da importancia de seguir dotándonos de novos servizos pensados para potenciar un modelo de envellecemento activo, que lle dea resposta ás necesidades da poboación de Marín".
Por ese motivo, desde o Concello están "tratando de impulsar a construcción" dunha nova residencia de maiores na vila, un espazo que "permita a convivencia e a habitabilidade de persoas que precisen deste servizo".
Ramallo ten esperanzas en que o proxecto siga adiante pola boa sintonía existente coa Xunta de Galicia, que "xa creu no proxecto que tiñamos de converter a primeira planta da Casa do Mar nun Centro de Día e sei que tamén está comprometida con esta posible nova residencia, na que seguiremos traballando para facela realidade".