Marcos Rey tomará posesión o luns como novo edil de Benestar Social

Pontevedra
16 de setembro 2020

Marcos Rey, carteiro de profesión e presidente da comunidade de montes de Verducido, tomará posesión no pleno que a corporación municipal celebrará o próximo 21 de setembro. El foi no seu día en número 5 da candidatura encabezada por Tino Fernández

Marcos Rey
Marcos Rey / PSOE de Pontevedra

O socialista Marcos Rey incorpórase ao goberno municipal. Será como novo edil de Benestar Social e Animal, en substitución de Paloma Castro, que renunciou ao seu posto tras ser elixida deputada autonómica polo PSdeG-PSOE nas eleccións galegas do pasado mes de xullo.

Rey, carteiro de profesión e presidente da comunidade de montes de Verducido, tomará posesión no pleno que a corporación municipal celebrará o próximo 21 de setembro. El foi no seu día en número 5 da candidatura encabezada por Tino Fernández.

Nesta mesma sesión plenaria será efectivo o pase de Goyo Revenga, edil expulsado de Cidadáns por apoiar o orzamento municipal de Pontevedra, a concelleiro non adscrito.

Entre os asuntos que se tratarán no pleno, segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, estará a adhesión de Pontevedra á rede de Espazos Ágora, impulsada pola Deputación de Pontevedra para mellorar o espazo público dos concellos da provincia.

Ademais, aprobarase a modificación do PXOM para abrir á cidade as vivendas militares de Campolongo e Rosalía de Castro e, previsiblemente, tamén a nova ordenanza de mobilidade.

Respecto das críticas que determinados colectivos fixeron a esta normativa, Fernández Lores lembrou que durante o período de exposición pública non se presentaron alegacións, polo que "calquera modificación terá que ser posterior" á súa aprobación no pleno.

O alcalde abriu a porta para tratar estas "discrepancias" pero aprecia "certa sobreactuación" nos contrarios a esta norma que, segundo detallou, recolle todas as normativas que "xa se estaban a aplicarse na cidade" e que supoñen un "paso adiante".