Marea analizará nunha xornada como municipalizar os servizos públicos

Pontevedra
11 de novembro 2017

Unha xornada que organizarán Marea Pontevedra e En Marea analizará en Pontevedra como municipalizar servizos públicos básicos para a cidadanía. Será o próximo venres 17 de novembro na Facultade de Belas Artes

A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, e a coordinadora de Marea Pontevedra, Peque González
A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, e a coordinadora de Marea Pontevedra, Peque González / Marea Pontevedra

Unha xornada que organizarán Marea Pontevedra e En Marea analizará en Pontevedra como municipalizar servizos públicos básicos para a cidadanía. Será o próximo venres 17 de novembro na Facultade de Belas Artes.

Este evento sobre xestión pública foi presentado pola vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, e a coordinadora de Marea Pontevedra, Peque González.

Ambas recordaron que as mareas teñen como un dos principios básicos a defensa da xestión directa dos servizos proporcionados desde o sector público. As inversións públicas encamiñadas a cubrir as súas necesidades básicas deben estar suxeitas, segundo sinalaron, ao interese xeral e non á procura de beneficios por parte das entidades que os xestionen.

Ana Seijas asegurou que En Marea defenderá en todos os ámbitos institucionais esta municipalización da man das plataformas e movementos sociais en defensa da sanidade, educación e outros servizos básicos e subliñou a importancia dos concellos á hora de garantir do mellor xeito os dereitos dos cidadáns, ao ser a administración máis próxima a eles.

Pola súa banda, Peque González lamentou que o goberno de Pontevedra vulnere no día a día os principios básicos do seu propio partido, pois recordou que na Boa Vila a maior parte dos servizos están en mans de empresas concesionarias, "algo que levamos tempo intentando cambiar desde a nosa entrada na corporación municipal".

O programa das xornadas contará coa presenza de actores que levan impulsando a municipalización en moitos concellos do Estado e terá dúas mesas redondas diferenciadas, unha primeira centrada na xestión dun ben básico como é a auga e outra máis xeral sobre a xestión dos servizos básicos.