O lugar onde se imparte xustiza en Pontevedra, a Audiencia Provincial, non cumpre coa lei de memoria histórica. Así o denuncia Marea Pontevedra, que sinala que catro décadas despois da fin da ditadura persiste "de xeito inexplicable" un escudo franquista na súa porta.
Este escudo, entende Marea, é "toda unha afronta" á memoria das vítimas do réxime franquista e, ao mesmo tempo, supón un "despropósito histórico e democrático" que hai que reparar "canto antes".
O escudo, construído en pedra, está situado no balcón da primeira planta da Audiencia e é visible por todas as persoas que entran pola porta principal das instalacións, situada na rúa Rosalía de Castro.
Así, a formación que lidera Luis Rei presentará unha moción ao pleno municipal para que o goberno solicite formalmente á Audiencia, á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Xustiza a retirada efectiva e no menor tempo posible deste símbolo franquista.