Marea Marín crea un espazo propio para o feminismo

Marín
10 de outubro 2017

Un club de lectura, mesas redondas, faladoiro e propostas institucionais serán as protagonistas do mes de novembro

Marea Feminista de Marín
Marea Feminista de Marín / Marea de Marín

Marea Marín pon en marcha a iniciativa Marea Feminista de Marín xurdida da participación cidadá no debate desenvolvido o pasado 8 de marzo "Voces de Muller" coma "un espazo onde reflexionar, debater e intercambiar ideas entre mulleres".

Comezará a súa andaina o vindeiro 7 de novembro ás 19:00 horas na Cafetería Do Tucho nun café tertulia sobre o libro "Feminismo para Principiantes" de Nuria Varela; continuando con dúas mesas redondas sobre violencia machista (violencia simbólica) e institucional (Pacto de estado contra a violencia machista) e finalizando cunha asemblea instando a participación e ao asociacionismo como base dunha política municipal efectiva.

Adiantan que a súa participación dentro da Mesa da Muller será "a máis activa, produtiva e responsable" ao tempo que a Marea Feminista de Marín "comprométese a ser a portavoz de cada unha das iniciativas que as mulleres propoñan" trasladándoas a través de mobilizacións, mocións plenarias, mesa da muller, comisións ou calquera outro organismo que corresponda.

Neste mes de outubro a Marea Feminista de Marín presentará tres mocións para a súa consideración polo pleno do Concello de Marín: "Marín en negro contra a violencia machista"; medidas para a atención a mulleres con endometrose e outras doenzas xinecolóxicas e uso da linguaxe inclusiva dentro do concello de Marín.