Marea Pontevedra afirma que chega o remate da "cadea perpetua" do ciclo do "Lorismo"

Pontevedra
06 de setembro 2018

Luis Rei e Peque González fixeron balance dos últimos tres anos onde lamentan que o BNG non teña cumprido cos compromisos adquiridos desde 2016 con Marea Pontevedra. A agrupación política presenta 'Camiño 19', a súa proposta política para as eleccións municipais onde agardan contar cos integrantes de Podemos

Peque González e Luís Rei, de Marea Pontevedra
Peque González e Luís Rei, de Marea Pontevedra / Mónica Patxot

"Cadea perpetua", "día da marmota", "Lorismo", así se refire Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra, á etapa de Miguel Anxo Fernández Lores á fronte do Concello de Pontevedra. O cabeza de lista desta agrupación lembrou que nestas eleccións votará xente nova que leva toda a súa vida gobernada polo mesmo alcalde e por iso fala dun novo ciclo a través da campaña de Marea baixo o lema 'Camiño 19' para as próximas eleccións municipais.

Rei criticou que Fernández Lores se atribúa proxectos debuxados en papel como o Gran Montecelo, os pavillóns deportivos ou a A57 e que se escude noutras administracións para non enfrontarse a problemas propios como a elaboración dun plan forestal ou a recuperación da ría de Pontevedra.

 "Somos os últimos da fila", afirmou Luís Rei facendo referencia ao Gran Montecelo lembrando que o resto das principais cidades galegas teñen xa os seus hospitais operativos mentres que Pontevedra segue a esperar.

Marea Pontevedra quere expor proxectos serios como un plan de transporte, un plan deportivo con Alberto Argibay e un deseño de apertura da cidade cara ao mar elaborado polo arquitecto César Portela. "Queremos  facer cidade  coa  xente e non contra a xente", indica o portavoz que sinala que durante os próximos meses seguirán fiscalizando o goberno local e recollendo propostas e demandas da xente para "pechar o ciclo do Lorismo e apoiar o ciclo da cidadanía". 

Neste sentido xustificou o apoio ao orzamento do BNG por parte de Marea Pontevedra en que consideran que non é bo que se paralice o funcionamento da actividade municipal, pero mostrouse decepcionado porque o goberno de Lores non cumprira cos compromisos adquiridos desde o ano 2016. Neste sentido, van presentar unha moción en relación coa renda social básica no vindeiro pleno.

Peque González, a coordinadora  xeral, indicou que o obxectivo que se propón Marea para as próximas municipais é alcanzar o goberno da Deputación Provincial e por este motivo para estas eleccións presentarán candidaturas unidas e con principios básicos comúns. Sobre unha posible candidatura  alternativa dos integrantes de Podemos, Luís Rei lembrou que Podemos está inscrita en Marea Pontevedra. Pola súa banda, Peque González afirmou que non houbo cambios na política do país para que se rompa a unidade popular.