Marea Pontevedra alerta dos "perigos" asociados ao estado de abandono dos edificios de César Boente

Pontevedra
14 de decembro 2015

Marea asegura que se fai eco de novas protestas veciñais sobre o "insoportable estado de abandono" da rúa dende hai cinco anos e, dado o "acreditado deterioro" do Pazo de Mariño de Lobeira amosan a "preocupación compartida coa cidadanía" de que unha situación climatolóxica adversa poida facer que este edificio se veña abaixo

Rúa César Boente
Rúa César Boente / Mónica Patxot

Marea Pontevedra critica a "situación de deterioro" na que está o Pazo de Mariño Lobeira e denuncia os "perigos" que poden estar asociados á "situación de abandono" de varios edificios da rúa César Boente coa chegada do inverno. Sobre estas críticas o voceiro municipal, Luis Rei, realizou varias preguntas á concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, e anuncia que "de non ter unha resposta clara, presentará unha moción ao respecto".

Marea asegura que se fai eco de novas protestas veciñais sobre o "insoportable estado de abandono" da rúa dende hai cinco anos e, dado o "acreditado deterioro" do Pazo de Mariño de Lobeira amosan a "preocupación compartida coa cidadanía" de que unha situación climatolóxica adversa poida facer que este edificio veña abaixo. 

A agrupación recorda que esta situación xa foi denunciada reiteradamente nos últimos anos por diversos colectivos "sen que desde o equipo de goberno do Concello se concretasen medidas eficaces para a súa defensa e restauración". Marea entende que esta "débil actuación" por parte das diversas concellarías implicadas pon en evidencia o "sonoro fracaso" do actual Goberno municipal en materia de protección da riqueza monumental da cidade.

Entre outras cuestións, preguntáronlle a Carme da Silva se "é consciente o goberno municipal de que cada vez son máis numerosos os veciños que evitan o paso pola rúa César Boente" ou se non "non lle preocupa que o atractivo da zona monumental se vexa considerablemente minguado polo estado de absoluto abandono dos principais edificios desa rúa". Ademais, quere saber se hai previstas medidas para garantir a seguridade dos transeúntes e veciños ante a chegada dunha nova estación invernal, así como que informes técnicos se solicitaron e que actuacións hai xa en marcha para evitar o derrube do Pazo de Mariño de Lobeira e do edificio lindeiro.