Marea Pontevedra segue a dar pasos adiante no seu obxectivo de presentarse ás próximas eleccións municipais.
O colectivo convocou dúas "xornadas programáticas abertas" das que sairá "un esqueleto de programa para logo debatilo nos barrios", sinalou o seu voceiro, Guillermo Casalderrey.
Ambas as dúas xornadas desenvolveranse no Centro Social Leste, a primeira delas o venres 21 ás 19:30 horas e a segunda un día despois, o sábado 22 ás 10:30 horas, citas ás que se invita a toda a cidadanía.
Segundo explicou o colectivo, elaboraranse varios bloques de traballo, con especial atención á transparencia, ao modelo económico, urbanismo, políticas sociais e políticas culturais.
Unha vez elaborado o programa, Marea Pontevedra avanzará na preparación dunhas primarias abertas para elixir candidato á alcaldía.
O seu manifesto fundacional foi subscrito por 54 persoas de diferentes ámbitos profesionais e asociacións, unha cifra que xa "multiplicouse por catro", asegurou outra das súas representantes, Luisa Torres.