Marea Pontevedra insiste en rematar coa "subvención encuberta ás touradas"

Pontevedra
06 de xuño 2017

A formación que lidera Luis Rei lembra que o goberno local asina cada ano un contrato coa empresa da praza de touros nunha cantidade que aparece "camuflada" no capítulo 2, dentro da partida denominada "Festas populares-verán cultural"

Luis Rei e Rubén Pérez, da asociación Galicia mellor sen touradas, no Concello
Luis Rei e Rubén Pérez, da asociación Galicia mellor sen touradas, no Concello / Mónica Patxot

O grupo municipal de Marea Pontevedra ven de presentar unha moción para que o Concello de Pontevedra deixe de financiar indirectamente as touradas.

A formación que lidera Luis Rei lembra que o goberno local asina cada ano un contrato coa empresa da praza de touros nunha cantidade que aparece "camuflada" no capítulo 2, dentro da partida denominada "Festas populares-verán cultural". Aí se imputaron as cantidades de 42.500 euros en 2015, e de 38.500 euros en 2016, segundo os datos feitos públicos por En Marea.

Estas mesmas fontes informaron que o contrato réxese por un prego de condicións que inclúe o  compromiso do Concello de correr co importe dos gastos orixinados pola organización dos actos, de satisfacer todos os impostos, arbitrios, taxas, contribucións e tributos que graven eses actos, de entregar á empresa as localidades do palco, e de ceder a explotación do servizo de bares e bebidas dos espectáculos que organice o Concello, que será por conta, a cargo e beneficio da empresa da praza; que, ademais, se reserva o dereito a bloquear, por dereito exclusivo e preferente, as datas da primeira quincena de agosto nas que organiza as corridas de touros da Feira da Peregrina.

Pola súa banda, o Concello obtén a cesión da praza fóra desas datas. 

Deste xeito, o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei entende que o Concello de Pontevedra "non fai todo o que está na súa man para rematar coa tortura animal na cidade" e que, incluso, "favorece que poidan festexarse estos espectáculos".

Finalmente para Luis Rei resulta "estraño" que o importe do convenio supoña unha cantidade que multiplica cinco ou seis veces o alugueiro tanto de prazas portátiles coma de prazas permanentes de grande aforo. "Isto invita a pensar que o que se presenta como un contrato de arrendamento é, en realidade, unha subvención encuberta das corridas de touros, un espectáculo por cuxa desaparición avoga boa parte da opinión pública".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora