Marea Pontevedra pedirá no pleno que se realice unha auditoría dos gobernos do BNG

Pontevedra
13 de outubro 2015

O portavoz da agrupación política, Luis Rei, indica que o Concello ten que pagar a Sogama 5.330.575 antes de xullo, cantidade á que hai que sumar o que se derive do peche do aparcadoiro Veteris e os 5.294 da ocupación dunha leira no paseo dos Gafos

Luis Rei, portavoz de Marea Pontevedra
Luis Rei, portavoz de Marea Pontevedra / Mónica Patxot
Luís Rei reclama unha auditoría externa /

Luís Rei, portavoz da agrupación Marea Pontevedra, reclamará no próximo pleno a elaboración dos pregos técnicos e administrativos para poñer en marcha un concurso público co obxectivo de que se adxudique unha auditoría externa das contas do Concello desde o ano 2000 ata a actualidade, coincidindo cos gobernos de Miguel Anxo Fernández Lores e do BNG.

Rei cuantifica nun millón de euros a indemnización que levará o peche do aparcadoiro Veteris tras a solicitude de execución da sentenza. Desde Marea entenden que ademais do que soliciten os demandantes será necesario indemnizar á empresa de xestión do aparcadoiro subterráneo de cálea Antón Fraguas.

A esta cantidade, o grupo político sinalou que as arcas municipais terán que abonar a Sogama 5.330.575 euros antes de xullo de 2016. E tamén engade outra indemnización pola ocupación do terreo de 6.000 metros cadrados no paseo do río Gafos, unha cantidade que ascende a 5.294.874 euros.

Estas cifras preocupan ao partido político que culpa desta situación á xestión política durante estes máis de quince anos. Luís Rei indicou que Pontevedra é o sétimo Concello menos transparente dentro dunha lista de 110 de toda España.

O portavoz de Marea apuntou que estudaran a posibilidade de que fosen os propios técnicos municipais que realizasen esta auditoría pero refugaron esta opción levaría un volume de traballo difícil de asumir e por tanto, prefiren que o realice unha empresa externa. Rei insistiu en que non se fía do superávit que anuncia o concelleiro Raimundo González e insiste en que é necesario un tempo de exame do modelo de xestión de Pontevedra que, entende, son prexudiciais para os intereses dos cidadáns.